Actualidade
Data de publicación: 01-11-2024
Data de inicio: 11-11-2024
Data de fin: 13-01-2025
B A N D O
Co fin de facilitar a mobilidade en xeral no centro da cidade, debido á maior afluencia de persoas e vehículos, co gallo das festas do Nadal, compre o establecemento de medidas provisorias.
1.- Na zona urbana interior ao arco delimitado polas rúas:
Doutor Corbal, Bos Aires, Travesía de Vigo, Aragón, Jenaro de la Fuente, Avda. Martínez Garrido, Avda. Arquitecto Palacios, Avda. Castrelos, Avda. Portanet, Avda. Citroën, circunvalación Oeste ata Bouzas, establécense as seguintes restricións:
a).- Dende as 00:00 horas do sábado día 14 de decembro de 2024 ata as 08:00 horas do martes día 07 de xaneiro de 2025, prohíbese a realización de calquera obra ou traballo que afecte á vía pública, tanto na calzada como nas beirarrúas, salvo autorización expresa da Concellería de Seguridade.
As obras ou traballos que se están a executar na vía pública deberán quedar rematadas ás 24:00 horas do venres 13 de decembro de 2024. As empresas responsables delas estarán obrigadas a repoñer o pavimento e a sinalización para deixar expedita a libre circulación de persoas e vehículos, polo que terán que retirar casetas, valos, materiais de obra e maquinaria, colectores de obra, sacos de residuos ou calquera outro provisión de materiais na vía pública coa limpeza de calzada e beirarrúas nas rúas e espazos públicos afectados.
b).- Os traballos, que por atoparse no prazo de execución autorizado, que segundo o anterior teñan que suspenderse nestas datas, poderán continuarse a partir das 08:00 horas do vindeiro martes día 07 de xaneiro de 2025. Polo tanto as obras en curso na actualidade que non poidan ser rematadas na data indicada, terán que manter expedito o paso por elas e o seu entorno, durante o período do Nadal, así como garantir unha correcta sinalización para o tráfico e seguridade viaria de persoas e vehículos, repoñéndoa á súa costa se se deteriorase por calquera motivo ou incidencia.
c).- Nas devanditas datas unicamente poderán ser atendidas, sen limitación de horarios, as emerxencias ou avarías que revistan carácter de urxencia. Cumprirá darlle coñecemento destas, cando se produza, á Policía Local, cando menos telefonicamente e deberase presentar no Concello, a través do seu Rexistro Xeral, e dentro das 24 horas seguintes, un ditame xustificativo da urxencia e alcance da avaría, subscrito polo técnico competente responsable da obra ou instalación afectada.
d).- Os demais traballos de mantemento ou reparación precisos nas vías e servizos públicos, durante estes días, poderán realizarse entre as 22:00 horas e as 09:00 horas do día seguinte, trala autorización expedida pola Concellería de Seguridade.
2.- Na zona urbana interior ao arco delimitado polas rúas:
Isaac Peral, García Barbón, Alfonso XIII, Lepanto, Gran Vía, María Berdiales, Ronda Don Bosco, Cachamuíña, Falperra, Paseo Alfonso XII, Poboadores, por mor da montaxe, mantemento e desmonte do alumeado de nadal, dende as 14:00 horas do martes 12 de novembro de 2024 ata as 08:00 horas do luns 13 de xaneiro de 2025:
a).- Prohíbese a realización de calquera evento que afecte á vía pública, tanto na calzada como nas beirarrúas, salvo autorización da Concellería de Seguridade.
b).- As obras na devandita zona urbana poderán autorizarse sempre e cando non interfiran coas instalacións e actividades previstas polas festas de Nadal.
O luns 11 de novembro de 2024 ás 24:00 horas deberán estar retiradas tódalas ocupacións de vía pública. As ocupacións, que por atoparse no prazo de execución autorizado, que segundo o anterior teñan que suspenderse nestas datas, poderán continuarse a partir das 08:00 horas do vindeiro martes 07 de xaneiro de 2025.
O incumprimento destas normas dará lugar á incoación do correspondente expediente sancionador e imposición da multa na contía máxima establecida na vixente lexislación de réxime local, así como á inmediata paralización das que se inicien, sen prexuízo de calquera outra medida que proceda adoptar.
Concello de Vigo
Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100