Información

Castrelos

A parroquia ten a súa orixe na propiedade particular do marqués de Valadares que adquiriu as terras para expansión dos seus dominios e dalas en arrendamento a colonos que, paseniño, foron independizándose. No século XIII denominábase xa "Castrelis". Durante moito tempo o gránito destas terras constituíu a súa principal fonte de riqueza, tendo moita sona as canteiras de Serra e Porto Loureiro.

Castrelos é unha forma diminutiva de castro (fortificación) en plural.

O parque urbano meirande de Vigo está nesta parroquia, cunha extensión de 22.000 metros cadrados. Nel localízase o pazo Quiñones de León, reconvertido en museo municipal, rodeado duns xardíns de gran beleza, redistribuidos por Martín Curty que limitan co río Lagares. No mesmo parque sitúase tamén un auditorio ao aire libre, aproveitando a pendente natural do terreo, que se utiliza para a celebración de concertos e festivais no verán.

O pazo ten a súa orixe na Torre de Lavandeira, abandonada tras a retirada do exército portugués entre os anos 1665-70. O antigo edificio fora tributario da Orde do Temple, converténdose en torre no século XVI. Foi doado ao Concello de Vigo polo marqués de Alcedo no 1925.

Ata o 1862 a parroquia de Castrelos pertenceu aos Cabaleiros da Orde de San Xoán de Malta, polo que o seu párroco tiña carácter de prior. A igrexa de santa María, auténtica xoia do románico, foi consagrada no 1216, e nela sobresae a rica ornamentación da súa porta occidental. Na zona conservánse ademais a ponte medieval e o cruceiro do século XVII.

En Castrelos viven 7.972 veciños, segundo o último censo, algúns deles agrupados na asociación veciñal do mesmo nome. Entre as celebracións propias, destacan a romaría da Candelaria, o 2 de febreiro, e a Festa das Flores, a derradeira semana de maio.

O centro sociocultural está situado no cumio do outeiriño de Castrelos, nunha localización con excelentes vistas do centro urbano e da ría. Comezou a súa construción onde se asentaba unha antiga canteira de granito; de aí a denominación de Monte da Mina, no ano 1982, e entrou en funcionamento a partir de 1994.

Máis información en:
- Igrexa de Santa María
- Quiñones de León

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100