Patrimonio Histórico
A mediados do século XVI Vigo era punto destacado na ruta comercial entre a Europa nórdica e América. Unha vila dinámica cunha poboación crecente que inclúe mercadores estranxeiros. As defensas que solicita levantaranse un século despois, cando está empobrecida e coa súa actividade estancada.
Atrás quedaban os tempos medievais nos que fora unha pequena aldea que vivía da pesca e o traballo da terra. Despois da descuberta de América, no seu porto fan escala navíos de Francia, Inglaterra, Holanda ou Portugal. Por iso solicítalle ao rei permiso de carga e descarga para navíos estranxeiros como tiñan Baiona e A Coruña, vilas de xurisdición real. A solicitude denégase, entre outras razón, pola falta de defensas.
Será a finais do século cando virán os enxeñeiros reais a trazar plans de defensa. Pero aínda pasarán anos ata que se levanten as murallas. Finalmente a guerra con Portugal e os ataques corsarios deberon apremar a súa construción, xa que se empeza antes de que a coroa aprobe o orzamento, seguramente con recursos da vila e do Reino de Galicia.
É 1656 e Vigo vive un dos seus peores momentos. A diminución da actividade produtiva ou o deber de achegar homes e recursos ás guerras da coroa empobrecérana, e moitos veciños emigraran.
Con defensas Vigo convértese en praza forte, o que supón aloxar á tropa. Cando chega repártese entre a veciñanza, que debe acollela nas súas casas ou pagarlle unha fonda. Os vigueses aloxarán así a compañías enteiras, sumando unha carga máis á súa dura economía.
A vila comezará a remontar entrado o século XVIII, logo de soportar unha serie de malas colleitas e de sufrir as consecuencias da batalla de Rande (1702) e da invasión inglesa (1719) que arruinou moitas casas e almacéns, e danou a muralla.
No Vigo medieval a poboación vive dispersa entre o bordo litoral e a Ladeira, a aba do monte do Castro. Segundo crece a vila fórmanse os barrios. A Pedra, entre os barrios do Areal e do Berbés, será centro da vida social de Vigo.
A Pedra era unha zona destacada da vila. A partir dela o terreo descendía cara ao Areal e ao Berbés. Cun chan no que sobresaían algunhas rochas costeiras. Era un espazo aberto de grande actividade social. Preto sitúanse a igrexa, a casa do concello, o hospital de pobres e peregrinos e as casas principais. Aquí facíase mercado e concello aberto: reunión pública onde se trataban os asuntos da vila. O primeiro día de cada ano os gremios elixían aquí a dous procuradores, os seus representantes nas reunións dos rexedores municipais.
Cando se constrúe a muralla a fronte marítima péchase cun muro do que sobresaen varias baterías, que se instalan nos saíntes costeiros. O trazado da muralla adáptase así á forma recortada da costa.
Nesta zona, situábase a batería da Pedra. Desde os seus muros ata a igrexa, o terreo ascendía a través dunha pendente na que sobresaían as rochas. Anos despois quitaríase o rochedo e construiríase un miradoiro. A súa planta máis antiga era a dun sinxelo “redente” ou saínte de dúas caras. Co tempo e as reparacións os muros se creban e a súa forma final será algo máis complexa.
Desde A Pedra ata a fin do trazado costeiro situábanse as baterías da Miseria, do Mercador de Linares e do Berbés.
Concello de Vigo
Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100