Patrimonio Histórico

Unha muralla de alma medieval e corpo moderno

Deseñada polo capitán Andrés de Arce e Castro, veciño de Vigo, responde ao tipo de muralla abaluartada da súa época. Con todo, non se axusta aos principios da fortificación moderna. Desnivel do terreo, urxencia construtiva, moitas casas e escasos medios condicionaron o seu resultado final.

A fortificación moderna busca calidades como simetría (formas regulares), firmeza (adecuada construción) e comodidade (espazos amplos para tropa e armamento). Pero a muralla de Vigo é irregular, de muros débiles, sen foso nin chairas e con vivendas tan pegadas que entorpecen a defensa. Os seus 11 baluartes son pequenos e situados a diferentes alturas, polo que os inferiores resultan fáciles de tomar desde os superiores. Por que estas carencias?

A súa construción responde ao intento de cercar o núcleo medieval de Vigo, instalado sobre a estribación do monte do Castro, unha xeografía difícil polas pendentes e desniveis do terreo. O seu trazado adáptase á forma do relevo, situando os baluartes onde a pendente é máis suave.

Pechaba os principais edificios públicos e privados da vila deixando fóra os barrios do Pracer, Areal, Berbés e Falperra. Abríase ao exterior por 7 portas: 3 na costa e 4 no interior.

Nesta zona situábase o baluarte do Pracer, ao bordo dunha pendente denominada Barranqueira, que aínda podemos apreciar. Quizais de aí a súa denominación de "baluarte do Foso". 

O baluarte é o símbolo da muralla moderna

A diferenza da fortificación medieval, recoñecible nas súas torres circulares ou cuadrangulares, a muralla de época moderna identifícase polo baluarte, o volume de planta pentagonal que sobresae do muro ou cortina, pensado para resistir á artillería.

Del depende a defensa de muros e portas da muralla. As súas dimensións, altura e ángulo das caras, deben deseñarse para impedir o acceso inimigo. Os baluartes teñen que cubrirse entre eles e defender, cos seus canóns, o lenzo ou cortina da muralla contigua.

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100