Servizos cidadanía

Arquivo municipal

Arquivo municipal

O Arquivo municipal nace parello á creación da Institución tras o establecemento do Estado liberal a principios do século XIX. Será en 1836 cando fiquen establecidos definitivamente os concellos constitucionais que irán evolucionando ao longo do século XIX e século XX e adquirindo unha maior conciencia e dedicación en relación ao seu patrimonio documental. A nova planta dos concellos aprobada naquela data supoña a creación de tres concellos dentro da territorialidade actual do Concello de Vigo, a saber: Bouzas, Lavadores e Vigo. Por tanto, cada unha destas institucións tería o seu Arquivo aínda que lamentablemente non dispomos de informacións referidas aos dous primeiros.

No caso do Concello de Vigo a primeira referencia que temos data de 1840, cando a corporación acorda realizar os pertinentes traballos sobre a masa documental, que por aquel entón estaba sen clasificar nin indizar. Para realizar eses traballos sería escollido Francisco Ávila y la Cueva dando lugar ao “Índice de todos los papeles que se cutodian en el archivo de las casas consistoriales de la muy fiel, leal y valerosa ciudad de Vigo” que conta cun total de setenta follas.

A seguinte noticia será o grave incendio acontecido na Casa Consistorial, situada na Rúa Joaquín Yáñez, durante a madrugada do 29 ao 30 de agosto de 1851 que provocará a destrución de boa parte da documentación pertencente ao Concello. Na sesión extraordinaria do 30 de agosto indícase que, por mor do incendio nas dependencias municipais non se salvou “aboslutamente nada de ellas, siéndolo tan solo los (...) papeles de archivo que se arrojó por las ventanas a la calle recogiéndolos el Secretario de la Corporación y los Oficiales en la casa inmediata”. Nesa sesión acordouse que o Secretario, auxiliado polos concelleiros Rendo, Coca e León “recoja los papeles salvador del archivo (...) y se conduzcan a dicho edificio [Fonda del León de Oro]”.

Antiga Casa Consistorial

Antiga Casa Consistorial, proxectada por José María Ortiz en 1859

Tras este acontecemento a Corporación, na figura dos alcaldes Ramón Lafuente e José Agres, contratará a Francisco Blein para realizar o “arreglo de los papeles del archivo de esa corporación que se han salvado del incendio acaecido en la misma que se hallan sueltos y completamente revueltos”. Non obstante, non se conserva ningunha documentación máis alá da solicitude de percepción dos correspondentes honorarios e o acordo do Pleno para a contratación do servizo.

Así e todo, si que se conservan varios inventarios do Arquivo datados entre 1864 e 1868 coa documentación producida polo concello desde o incendio da Casa Consistorial realizados polo secretario interino José Núñez Novoa e o secretario propietario Eduardo Avalle y Conde. Tamén se conserva un Catálogo Xeral do Arquivo Municipal datado en xuño de 1929 realizado polo arquiveiro José G. Posada Curros.

Coa anexión dos concellos de Bouzas (1904) e Lavadores (1941) suponse que os seus arquivos respectivos pasaron a formar parte do Arquivo municipal aínda que non temos constancia deste traslado. Non obstante, tras a segregación das parroquias de Matamá e Coia do Concello de Bouzas e a súa anexión ao Concello de Vigo, o consistorio boucense antepuxo unha resistencia pasiva que se traduciu na demora do traslado da documentación destas dúas parroquias ás oficinas municipais viguesas. Desta forma, a altura de marzo de 1903 aínda non se transferira a maior parte da súa documentación (deslindes, padróns, montes en man común, quintas etc) ao consistorio vigués. A pesar disto, o Arquivo municipal de Vigo conserva pequenas mostras da actividade destes concellos con senllos fondos documentais de reducido tamaño.

Como se pode observar o Arquivo municipal de Vigo ten pasado, desde a súa creación, por unha serie de acontecementos catastróficos como poden ser incendios, inundacións ou constantes traslados dado que na súa primeira etapa histórica viaxaba coa Casa do Concello, que tivo diferentes emprazamentos. Estes acontecementos provocaron a destrución, fragmentación e dispersión dos fondos documentais pertencentes á Institución.

Antigo cárcere do partido

Arquivo Municipal no edificio do antigo Cárcere do Partido

En tempos máis recentes o Arquivo pasa dividido, xa que numerosas seccións e negociados mantiñan o seus arquivos particulares, ás dependencias que o Concello posuía no edificio do antigo Cárcere do Partido. Outra parte do fondo, que poderíamos denominar “histórica” sería depositada no Pazo Museo Quiñones de León. Esta dispersión e a falta dun criterio unificado e un espazo axeitado provocou que o Arquivo se fose transformando nunha especie de “almacén” na que cada servizo ou negociado coñecía a organización e localización dos seus documentos sen existir ningún tipo de actuación conxunta e organizada.

Posteriormente o concello sería trasladado a actual Casa Consistorial, inaugurada o 26 de xullo 1976. A partir dese momento o Arquivo foi trasladado a súa actual localización, no segundo soto da Casa do Consello, e comezou un proceso de clasificación, ordenación e inventariación do que temos noticias a través das memoria elaboradas polos diferentes funcionarios que ocuparon a dirección do Arquivo. Así, en 1982-1983, Pedro López Gómez director naquel momento do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra dirixiu un equipo que realizou diversos traballos sobre a documentación. Xa nos anos noventa ocuparía o posto de Director Bernardo M. Vázquez Xil e a partir de 1993 até 2004 o encargado sería Álvaro Sineiro Reinaldo. Durante este período o Arquivo sufriu diversas incidencias, como inundacións, pero tamén foi ampliando as súas dependencias, instalando estantes compactos e realizando procesos de inventariación e indización.

Actual localización

O Arquivo municipal na súa actual localización

Actualmente, o Arquivo encóntrase nun proceso de reorganización completa, coa reclasificación, reordenación e redescrición dos diferentes fondos para se adaptar ás normas arquivísticas internacionais e ás novas tecnoloxías.

 

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100