Cultura

Igrexa de Santiago de Vigo

  • Arquitecto: Manuel Felipe Quintana
  • Ano: 1896
  • Localización: Rúa García Barbón

En xullo de 1880 inícianse os trámites para a construción dunha nova igrexa. Cambia varias veces de situación, pero finalmente en 1882 decídese construíla na rúa García Barbón. A súa elaboración encárgase a Manuel Felipe Quintana, quen en 1896 redacta definitivamente o proxecto.

A obra será paralizada varias veces debido a dificultades económicas, o cal fará que o proxecto inicial de dúas torres de grande altura na fachada principal, teña que verse acurtado restándolle beleza á obra.

A igrexa ten un corte medieval historicista e a súa fachada principal amosa un estilo neogótico.

O templo consta dunha planta de tres naves sen cruceiro, a nave central amosa unha amplitude maior ca as laterais, das que se separa por arcos apuntados. As naves laterais reciben a luz a través de vans de arcos apuntados, mentres que a nave central recibe a luz a través de trilóbulos ou pequenos rosetóns de tracería con tres lóbulos inscritos no seu interior que se sitúan elevados sobre a nave. A cabeceira presenta unha ábsida poligonal enmarcada nun rectángulo no que se sitúan as sacristías. Tres grandes fiestras oxivais son as que iluminan a ábsida, que cortan o muro verticalmente. Nos pés da igrexa, sobre o pórtico de acceso, sitúase un coro alto.

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100