Información

Sárdoma

A parroquia de Sárdoma abrangue unha extensión de 1,3 quilómetros cadrados que constitúen unha chaira, atravesada polo río Lagares. Segundo o último censo a parroquia conta con 2.192 habitantes en asentamentos dispersos ó longo dos seus doce barrios. Actualmente, segue a manter o seu caracter rural, malia a desordenada instalación de industrias, pervivindo os cultivos de millo, árbores froiteiras e a producción de viño.

As primeiras referencias a Sárdoma datan do 1208; sendo xa no século XVI unha das seis parroquias existentes na bisbarra, aínda que baixo o dominio do bispado de Tui. O control señorial da zona, herdo do feudalismo, faise evidente a través dos pazos da Raposeira, do 1625; o de San Roque, do 1688; e a denominada Casa Grande de Aires, do XVIII. Tocante ó seu patrimonio arqueolóxico sobresae a ponte medieval, aínda en uso, dos séculos XII-XIII. O conxunto da igrexa parroquial, adro, cemiterio e casa reitoral, do XVIII, presenta unha interesante torre campanario adosada á fachada.

Doutra banda, en Sárdoma catalogáronse dous cruceiros, un no adro da igrexa e outro, o da Laxe, ó que os veciños lle atribúen algunhas curacións. Na parroquia desenvolven as súas actividades dúas asociacións de veciños, A Paz, correspondente a un conxunto de vivendas sociais; e O Carballo, fundada a fins da década dos 70 do século pasado co obxectivo de recuperar a Irmandade de Labregos que existía en Sárdoma antes da Guerra Civil.

Máis información en:
- Sárdoma cf.

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100