Arquivo municipal
O Arquivo municipal do Concello de Vigo conta con varios fondos documentais privados que ingresaron tanto por doazóns como por compra. Estes fondos teñen un grande valor patrimonial derivado da súa antigüidade, singularidade e importancia para o coñecemento histórico da Idade Moderna e, en menor medida, contemporánea. Estes fondos son:
Pequeno fondo documental pertencente ao Marquesado de Valadares, título nobiliario creado polo rei Carlos II de España o 6 de xuño de 1673 a favor de Luis Sarmiento Valladares Meira, primeiro vizconde de Meira. Co paso dos anos esta casa adquiriu grande importancia agregando outros señoríos, condados, marquesados e ducados ata chegar a converterse nunha das principais familias nobres de Galicia.
A maioría da documentación pertence a dúas series documentais: Correspondencia e Certificacións eclesiásticas. Dentro da Correspondencia cabe sinalar que a práctica totalidade da mesma son oficios recibidos por José Elduayen Gorriti, supoñendo unha fonte excepcional para o estudo da política local, rexional e nacional nos anos da Restauración. O documento máis antigo do fondo é unha Partilla de bens entre Catalina Alonso de Pazos e Tristán de Montenegro, datado no ano 1532.
Fondo adquirido polo Concello de Vigo e que comprende un metro lineal de documentación distribuído en 8 unidades de instalación.
Fondo documental pertencente ao Marquesado de Mos e Valadares, onde destacan os documentos de carácter patrimonial como os Foros, Preitos, Vendas ou Cobros de rendas referidos, maioritariamente, aos morgados de Raxó, Meri, Pazos, Celme, Gago e Pontevedra ou as casas da Serra e de Atín. En menor medida abundan os rexistros relacionados coa xenealoxía e a historia da familia.
O documento máis antigo conservado data do ano 1378, tratándose do aforamento do lugar da Vide do Caño Longo, en San Salvador de Meis, escrito en albalaes sobre un pergameo. Outros rexistros de interese son, por exemplo, un memorial dirixido ao rei Felipe IV en torno a 1655, no que se tratan diversos aspectos da política nacional e internacional. No aspecto patrimonial podemos subliñar o “Libro de rateo do Couto de Meri”, de 1847, que inclúe unha detallada descrición das terras así coma un mapa do lugar. Por último pódese destacar a copia dunha carta dirixida polo intelectual vigués Teodosio Vesteiro Torres á familia Valladares o día 8 de xuño de 1876, despedíndose deles poucos días antes do seu suicidio.
O fondo do Marquesado de Mos foi adquirido mediante compra e ten unha extensión de 16,50 metros lineais de documentación repartida en 144 unidades de instalación e 3.944 agrupacións documentais. As súas datas extremas son 1378 e 1969.
Fondo documental referido aos condados de Ramirás e Ximonde. O Condado de Ximonde foi creado por Carlos III en 1776, para favorecer a Xoán Antonio de Cisneros de Castro y de la Barrera (1721-1798), rexedor perpetuo da cidade de Santiago e Señor do Couto de Ximonde, da Torre de Couso, do Pazo de Anzobre e do Castelo de Mirón, entre outras propiedades. Pola súa parte, O condado de Ramirás é un título nobiliario outorgado ao deputado en Cortes José Varela y Cadaval por Afonso XII, mediante Real Decreto de 5 de xullo de 1875.
A pesar de teren unha descrición e catalogación incompleta, podemos sinalar que dentro do conxunto documental destaca á documentación de carácter patrimonial.
O fondo ingresou mediante a doazón de José María Álvarez Blázquez e está composto por un total de 56 unidades de instalación con documentos comprendidos entre os anos 1452 e 1992.
O fondo da Obra Pía da familia Coronel componse de cinco unidades de instalación, con documentos entre finais do século XVI e mediados do século XIX. A maior parte dos rexistros documentais son censos consignativos ou ben preitos relativos a estes mesmos bens que a familia achegaba á Obra Pía. Moi por debaixo das tipoloxías sinaladas encontramos contas, testamentos e outros documentos.
Así, o fondo é de grande utilidade para as investigacións en torno aos xudeoconversos da época moderna, permitindo caracterizar as súas prácticas económicas e de ennobrecemento, as súas relaciones familiares, etcétera. Serve, ademais, como punto de partida para traballos sobre o comercio e os comerciantes, historia familiar ou beneficencia, caridade e obras pías.
Pequeno fondo documental composto, practicamente na súa totalidade, por documentación de carácter económico e patrimonial referido á Obra Pía do Hospital de Pobres de Vigo.
O Hospital de Pobres de Vigo aparece en 1753 mediante a refundación, por vontade testamentaria de José Antonio Martínez, comerciante de Veracruz, da obra pía do Hospital de Pobres e peregrinos e da Escola para Nenos de Primeiras Letras. Conformaríase como a única infraestrutura sanitaria e de beneficencia coa que contaba a vila de Vigo durante o século XVIII e comezos do século XIX.
Situábase nun edificio da denominada Rúa Oliva, lindeira a casa señorial dos fidalgos Villavicencio, construído durante a invasión inglesa de 1719.
A desaparición do Hospital ven dada por acordo plenario do Concello de Vigo polo que se debía entregar os caudais, documentos e enxoval que pasarían, o 30 de xuño de 1834, á Xunta de Caridade.
O fondo da Capela de Nosa Señora do Castro é un pequeno conxunto documental contido nunha única unidade de instalación, contando 25 rexistros e 0,08 metros lineais repartidos entre os anos 1659 e 1950. A maioría dos documentos son de carácter económico e contable. A pesar do seu escaso volume resulta de grande importancia para a historia local. O documento máis antigo, datado en 1659, é o “Nomeamento de Bartolomé del Campo coma ermitán da Capela de Nosa Señora do Castro”; pero de maior interese resulta o “Testamento de Jacinta Lorenza Pereira Valverde, ermitá da Capela de Nosa Señora do Castro”, datado en 1761, a través do que se pode coñecer parte da historia da capela e das súas fundacións, así coma as principais festas celebradas nela e o ritual das mesmas.
O fondo da Colexiata de Santa María componse de oito unidades de instalación con documentación datada entre 1578 e 19341 Aprécianse notables perdas documentais debido a diferentes circunstancias. A maioría da documentación correspóndese ao exercicio dos dereitos do padroádego que o Concello tiña sobre a Colexiata, destacando a documentación referida á contabilidade, nomeamento de diversos cargo ou as obras do novo templo ao longo do s. XIX.
O fondo das Escolas de Nenos componse de dúas unidades de instalación con documentación comprendida entre os anos 1752 e 1846. A maior parte dos documentos conservados fan referencia á xestión económica do legado, aínda que tamén se poden encontrar regulamentos, listados de alumnos, expedientes relativos ás obras de acondicionamento ou correspondencia.
Concello de Vigo
Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100