Parques e sendeirismo

GR58 - Sendeiro as Greas

Este percorrido forma parte dun dos maiores sendeiros de longo percorrido de Galicia: o GR58, de máis de 260km. Dada a lonxitude do sendeiro GR-58 ao completo (260km en 70 horas aprox.) é preferible facelo por etapas, planificando o treito que se vaia realizar. Parte deste percorrido discorre por terras da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo e é, á súa vez, unha das variantes do GR53 desde Chandebrito a Candeán ou viceversa.

Este treito, de Chandebrito a Candeán, son arredor de 30 quilómetros cun grao de dificultade media. Conta con liñas de transporte urbano -en os ambos extremos- e de lugares de avituallamento e descanso ao longo de todo o sendeiro, polo que, malia que é posible percorrelo en 6 horas, un paseo máis relaxado de 8 horas en varias etapas permítenos gozar máis do percorrido.

As greas de cabalos, que aínda hoxe se poden ver nalgúns treitos do percorrido, son as que lle dan nome ao sendeiro. Estas greas e a famosa “rapa das bestas” forman parte da historia destes montes desde tempos inmemoriais.

Durante todo o percorrido do GR-58 aparecen elementos naturais e culturais que forman parte dun patrimonio histórico e natural de incalculable valor. Pasaremos por vales agrarios, espazos forestais ou incluso zonas litorais (marismas do Miñor e costa acantilada de Baiona). Atoparemos tamén importantes conxuntos etnográficos, como o do muíño de Maquías, e restos arqueolóxicos do neolítico, como dolmens e megalitos.

Toda esta riqueza natural, arquitectónica, cultural e paisaxística que nos ofrece o sendeiro das Greas permítenos gozar non só da natureza senón tamén da arte e da cultura.

PERCORRIDO:

  • CHANDEBRITO - A PASAXE (6,2Km)
    Moi preto de Chandebrito (Nigrán), na confluencia dos concellos de Vigo, Nigrán e Gondomar, está o cumio do alto de Canabal desde onde temos unhas vistas excepcionais da Ría. Baixamos por un sendeiro até unha pista que conduce ao GR53 e seguimos baixando en dirección A Pasaxe (Vigo); durante toda a baixada gozaremos das vistas do encoro de Zamáns.

  • A PASAXE - CAMPUS UNIVERSITARIO (8,5Km)
    Desde A Pasaxe imos dirección Vincios e a uns 200m tomamos unha pista á esquerda que cruza a autoestrada e chega á Fraga. Aquí atopamos de novo co GR53 que, a través da marxe do río Zamáns, nos leva á Casa-Muíño de Maquías (un muíño restaurado que tamén dispón de vivenda para os propietarios). O sendeiro pasa polo encoro, intérnase no monte até o Campus Universitario das Lagoas-Marcosende, segue polo parque forestal de Beade (de aquí parte o sendeiro PRG-5) e chega á estrada que une Puxeiros coa Universidade.

  • CAMPUS UNIVERSITARIO - PUXEIROS (5,8Km)
    Saímos do Campus para atopararnos cun monte chamado Pedra da Cruz onde está a variante GR53-2. Tomando unha pista á esquerda, por detrás do Círculo Mercantil, pasamos ao lado dunha mámoa; seguindo o camiño, imos até o parque forestal de Bembrive, pasando pola necrópole megalítica das Pereiras. A partir de aquí descendemos un pequeno treito até o alto de Puxeiros.

  • PUXEIROS - Parque Forestal do Vixiador (8,5Km)
    Desde aquí, cruzando unha estrada e un bosque de piñeiros, chegamos a unha zona repoboada recentemente con árbores autóctonas. Máis adiante atopamos outra mámoa, e pasando o recinto feiral de Cotogrande chegamos a unha zona de recreo fronte ao aeroporto, na cal atopamos un antigo muíño tamén rehabilitado ao lado do río Lagares. Seguimos o cauce do río até a Lagoa Mol; o camiño discorre polo barrio do Ameal, até o parque do Carballal. Tras unha lixeira costa, chégase ó parque do Vixiador (Candeán) no que se conserva unha mámoa de grande interese arqueolóxico.

DIFICULTADE: BAIXA
TEMPO APROXIMADO DE PERCORRIDO: 6 - 8 horas.

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100