Arquivo municipal

Coleccións

Ademais destes fondos documentais, o Arquivo municipal de Vigo custodia unha serie de documentación que actualmente está organizada tematicamente e que durante o proceso de reorganización, reclasificación e redescrición que se está a desenvolver se intentará reintegrar dentro do seu fondo correspondente. Estas agrupacións documentais son:

1.- Títulos e privilexios (1557-1833)

Pequena colección documental conformada por tres unidades de instalación que están sendo obxecto de reintegración no fondo documental do Concello. Trátase, na súa maioría, de documentos referidos a privilexios e títulos da Autoridade Real e da Autoridade Señorial polo que a documentación foi reintegrada, na súa maioría, na subfunción SF010 1.1.10. Autoridades Supramunicipais do Antigo Réxime do fondo municipal.

2.- Documentación relixiosa (1578-1954)

Colección documental cun volume aproximado de once unidades de instalación referidas, principalmente, a Colexiata de Vigo. Está composta por documentación económica, patrimonial e correspondencia.
Nestes momentos estase a traballar para identificar se se trata dun fondo documental ou se, pola contra, é unha colección temática e a posibilidade de reintegrar a documentación no fondo municipal.

3.- Documentación militar (1589-1955)

Colección documental cun volume aproximado de catorce unidades de instalación referidas a cuestións bélicas e militares. Dentro da colección podemos encontrar documentos referidos aos aloxamentos, á intendencia, á xustiza militar, ao recrutamento ou aos nomeamentos de cargos. Ademais, tamén hai documentación referida á Guerra de Independencia ou a Guerra de África xunto con documentación da Xunta Local de Defensa Pasiva ou da Milicia Nacional. Por tanto, a documentación está organizada orgánica e tematicamente.
Parte da documentación (Xunta Local de Defensa Pasiva e Milicia Nacional) está sendo reintegrada no fondo municipal mentres que o resto de documentación será analizada para estudar esta posibilidade.

4.- Documentación xudicial (1552-1935).

Pequena colección documental cun volume de sete unidades de instalación referida a diversos asuntos xudiciais correspondentes a varias xurisdicións.

5.- Documentación histórica (1455-1975).

Colección documental cun volume de trinta e unha unidades de instalación referida a diversos asuntos e cunha grande amplitude cronolóxica. Parte da documentación foi reintegrada no fondo municipal como por exemplo os Libros de actas de diversas Xuntas e Comisións, así como as Reais Cédulas, as pragmáticas, as provisións ou ordes que foron incluídas na subfunción SF010 1.1.10. Autoridades Supramunicipais do Antigo Réxime.

Cargando recomendacións
 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100