Patrimonio Histórico

Urban

A actuación en zonas urbanas deterioradas constitúe o obxectivo do programa Urban, da Unión Europea, desenvolvendo proxectos innovadores de recuperación de barrios en crise con exclusión social, elevado índice de desemprego, malas condicións de vivenda e falta de instalacións sociais.

O barrio histórico de Vigo beneficiouse da primeira etapa deste programa, financiada nun 70% con fondos europeos -FEDER e FSE- e nun 30% polos presupostos municipais. As actuacións cara á súa recuperación inicíaronse no ano 1995, prolongándose ata finais do 1999. A transformación da zona abrangueu a rehabilitación de rúas e espacios públicos, creación de novos equipamentos sociais e culturais, programas de apoio á poboación e de dinamización cultural, renovación das instalacións de abastecemento e saneamento de augas, electricidade, alumeado público, plan de emprego e formación.

Sen embargo, a intervención no viario e nas infraestructuras, non foi senón o alicerce para que se puidesen producir iniciativas económicas e sociais que restablecesen a vida no Barrio. Así, convocaronse axudas para pequenas e medianas empresas que se localizasen na zona, o que propiciou novas relacións e itinerarios económicos.


As actividades do programa comprenderon catro áreas de traballo:

- Obras no espacio público: As accións en inmobles públicos contribuíron a asentar actividades sociais e culturais, o que amosa que as intervencións do Urban foron moito máis alá da recuperación do patrimonio.
- Economía, emprego e formación: Ademais de impulsar a vida económica no Barrio, o programa fomentou a creación de postos de traballo mediante módulos de apoio á contratación, formación para o emprego e actuacións de promoción económica.
- Dinamización cultural: En colaboración co Plan Comunitario do Casco Vello, elaboráronse programacións estables de outono e de verán. Dende o 1997 as tradicionais Festas de Verán cobraron novo pulo convertendo a praza da Constitución nun escenario habitual para actuacións folclóricas, xornadas de teatro infantil, cine ó aire libre ou concertos. Doutra banda, creouse unha dinámica participativa dos rapaces do barrio no seu tempo de lecer.
- Arqueoloxía: Considerando que o coñecemento dos modos de vida e do urbanismo anterior ao noso século botan luz sobre a identidade das e dos vigueses, o Urban coidou especialmente o control arqueolóxico en prazas e rúas, documentando os achados descobertos nas obras; e o control arqueolóxico en inmobles. Deste xeito, as intervencións en edificios axustáronse estrictamente ás obrigas de coñecer e preservar a rica información que garda o subsolo do Barrio Histórico.

Consulte a memoria das actuacións do Urban na cidade, descargándoa en formato ZIP (3,9 Mb)

Na web do Urban, realizada nos anos da súa xestión, vostede pode coñecer o desenvolvemento e accións do programa.

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100