Emprego Local
Convocatoria de subvencións para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, do programa de ”Axudas Municipais á Contratación” no marco da actuación municipal para o ano 2023, co obxecto de servir de estímulo ao empresariado para a contratación, favorecer a mellora das condicións e o emprego estable e de calidade das persoas traballadoras do municipio de Vigo, a través dos seguintes programas de axudas:
A) Programa Indefinidos: comprende a transformación a indefinido do contrato previo formalizado, e de ser o caso as súas prórrogas, en calquera das modalidades contractuais vixentes no período comprendido desde o 16 de xullo de 2022 ao 30 de xuño de 2023 realizado á persoa traballadora pola que se solicita a axuda.
O contrato indefinido terá unha xornada laboral superior ou igual ao 50% da xornada laboral semanal establecida no convenio colectivo de aplicación e será superior ou igual ao contrato temporal do que deriva.
A persoa traballadora pola que se solicita esta axuda estará empadroada no municipio de Vigo alo menos desde o 1 de xaneiro de 2022 e prestará servizos no mesmo.
B) Programa Contratacións: Comprende a contratación indefinida de persoas traballadoras desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, empadroadas no municipio de Vigo, para prestar servizos no mesmo, no período comprendido entre o 16 de xullo de 2022 e ó 30 de xuño de 2023.
O contrato subscrito terá unha xornada laboral superior ou igual ao 50% da xornada laboral semanal establecida no convenio colectivo de aplicación.
A persoa traballadora pola que se solicita esta axuda resultará seleccionada entre as candidaturas remitidas desde a unidade de Desenvolvemento Local e Emprego do Concello de Vigo e/ou desde o Servizo Público de Emprego de Galicia para o que previamente se remitirá a correspondente oferta de emprego. No caso de falta de candidaturas co perfil requirido admitirase á empresa solicitante a contratación dunha persoa traballadora que resulte do seu proceso de selección e reúna os requisitos desta convocatoria.
Quedan excluídas as contratacións indefinidas iniciais que se realicen con persoas traballadoras que nos 6 meses anteriores á data da contratación prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de carácter indefinido, ou nos últimos 3 meses mediante un contrato de carácter temporal. O disposto neste parágrafo será tamén de aplicación nos casos de sucesión de empresas previsto no art. 44 do RDL 2/2015, do 23 de outubro.
C) Programa Mellora: Comprende a axuda para a mellora da estabilidade laboral no período comprendido entre o 16 de xullo de 2022 e ó 30 de xuño de 2023, a través das seguintes opcións:
- o incremento de xornada laboral do contrato formalizado de tempo parcial a tempo completo segundo estableza o correspondente convenio colectivo de aplicación.
- o incremento da duración anual do contrato fixo-descontinuo a un mínimo de 9 meses a xornada completa.
A persoa traballadora pola que se solicita esta axuda estará empadroada no municipio de Vigo alo menos desde o 1 de xaneiro de 2022 e prestará servizos no municipio.
Convocatoria de subvencións para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva de axudas económicas ás empresas de nova creación constituídas legalmente como tales coa finalidade de colaborar dunha forma activa na xeración de emprego no municipio apoiando a posta en marcha de novos proxectos empresariais.
A finalidade destas axudas é subvencionar parte dos gastos da posta en marcha e do funcionamento da empresa durante os primeiros meses de actividade. O importe máximo destas axudas será de 3.000€ por empresa beneficiaria e non poderá superar o 50% dos gastos efectuados nin exceder da contía total do investimento inicial realizado polos promotores/as.
Subvencionarase o 50% dos gastos correspondentes aos tres meses anteriores e aos catro meses posteriores ao inicio da actividade, agás os gastos de constitución e apertura, que poderán corresponder ao período comprendido dende os seis meses antes do inicio da actividade ata a data límite de presentación das solicitudes: Gastos de constitución e apertura, Existencias iniciais de mercadorías, Gastos de alugueiro, Primas de seguros, Gastos da actividade e Dereitos de propiedade industrial.
Se o montante total das solicitudes debidamente presentadas superase o orzamento previsto a Comisión de Valoración realizará proposta de resolución conforme aos criterios de avaliación. Para isto as solicitudes ordenaranse en forma descendente segundo a puntuación obtida tras a aplicación dos criterios de avaliación, sendo o importe a subvencionar o calculado, para cada solicitante, segundo o previsto nas bases reguladoras, ata esgotar a cantidade máxima autorizada.
Mediante este servizo accédese, mediante cita previa , ao dispositivo municipal que facilita información, apoio e asesoramento nos procesos de busca de emprego das persoas desempregadas de Vigo.
Estas axudas están dirixidas a fomentar o emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, co fin de reforzar a súa capacidade de autoorganización e posibilitar o fortalecemento do tecido social e a promoción da calidade de vida e benestar social da cidadanía. Con esta medida preténdese reducir, nestes anos de crise, a porcentaxe de desempregados/as na cidade mediante a contratación do maior número de postos de traballo a través da colaboración coas organizacións con presencia na cidade de Vigo, de tal xeito que se mellore a prestación de servizos de información, formación e asesoramento ás persoas en situación de desemprego cara a busca de emprego, o autoemprego e o fomento do emprendemento.
Concello de Vigo
Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra)
Teléfono Concello de Vigo: 010 - 986810100