Información

Oia

Parroquia costeira, cunha extensión de 7,2 quilómetros de orografía complexa que presenta grandes diferencias entre o litoral e o interior. A creación da entidade parroquial remóntase á Idade Moderna, baixo o control do Cabildo de Tui. No século XVIII xorde na parroquia a Irmandade dos Liñares, proba da importancia que adquiriu na zona o cultivo do liño e a artesanía derivada. En relación con esta actividade constrúese séculos máis tarde a capela dos Liñares, lugar dunha popular romaría. Emporiso, o despegue económico de Oia é inseparable da industria conserveira.

San Miguel de Oia acolle o importante xacemento arqueolóxico da finca Mirambell, correspondente a un momento serodio da romanización, entre os séculos III e o VI d.c.. Ademais na parroquia catalogáronse dous cruceiros, o do lugar denominado Cruceiro, do 1859, e o do adro da igrexa. Verbo do seu patrimonio etnográfico, en Oia perviven 154 hórreos, a meirande parte deles caracterizados por estaren dispostos encol de seis pés dereitos e, mesmo, ata oito.

A vida social da parroquia organízase arredor da asociación de veciños e a mancomunidade de montes, sen esquecer o Club de Fútbol San Miguel de Oia. No Centro Cultural tamén desenvolve as súas actividades a banda de música.

Más información en:
- Villa galaico-romana de Toralla

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100