Arquivo municipal

Fondos públicos

Entre os fondos públicos que custodia o Arquivo municipal podemos encontrar os seguintes:

1.- Concello de Vigo (1560-2014)

Concello de Vigo

Fondo propio da Institución onde se pode encontrar a documentación producida, conservada ou reunida polos diferentes departamentos municipais no exercicio das súas funcións e actividades ao longo da súa historia.
Comprende 5.700 metros lineais de documentación.

2.- Concello de Bouzas (1599-1904)

Concello de Bouzas

Pequeno fondo documental do extinto Concello de Bouzas, onde destacan polo seu volume os Expedientes de recrutamento, Correspondencia de Alcaldía ou Expedientes xerais do presuposto ordinario. Cualitativamente cabe subliñar os Libros de actas do Pleno, que comprenden o período 1883-1904. Outros documentos que, debido a súa antigüidade, gozan de gran valor histórico son o Libro dos autos, contas e cousas do Concello da vila de Bouzas, de 1599, o Libro de contas de propios e acordos da Vila de Bouzas, de  1615, e o Título dos oficios e rendas e aproveitamentos do peso maior do Concello e outros da vila de Bouzas para o Concello, Xustiza e Rexemento dela perpetuamente, fermoso título en pergameo concedido no ano 1616 polo rei Felipe III.
Xa que logo, pódense apreciar importantes perdas documentais dentro deste fondo, especialmente as referidas ao período temporal que abrangue a primeira metade do século XIX. Neste senso destaca a ausencia dos Libros de actas do Pleno anteriores a 1883.
Comprende 5 metros lineais de documentación con 45 unidades de instalación.

3.- Xulgado de Bouzas (1666-1904)

Xulgado de Bouzas

Fondo documental que testemuña a actividade do Xulgado de Bouzas desde mediados do século XVII até a desaparición do concello homónimo en 1904. Distribúese en dous grandes grupos de documentación en función da xurisdición: civil e criminal.
Comprende 66 unidades de instalación.

4.- Concello de Lavadores (1786-1947)

Concello de Lavadores

Pequeno fondo documental onde se poden apreciar considerables perdas documentais, especialmente daquela documentación do século XIX. Por tanto, o groso da documentación pertence ao século XX.
As series documentais máis destacadas en canto ao seu volume, pero tamén en canto ao seu valor cualitativo, son as denominadas Libros de actas do Pleno e Libros de actas da Comisión Municipal Permanente, que documentan a vida e os procesos decisorios municipais con gran detalle. Comprenden os anos 1900-1941 e 1924-1941 respectivamente.
O rexistro máis antigo data do ano 1786, se ben presenta certas dificultades xa que se trata dunha Executoria do reparto dos bens do Vilar ou Rosal na freguesía de Santa Cristina de Lavadores dada por Agustín Varela Vaamonde, escribán da Real Audiencia de Galicia a instancia de Joseph Parraga Troncoso que se atopaba mesturada xunto coa documentación municipal, se ben as circunstancias da entrada no arquivo deste documento son descoñecidas.
Comprende 3,24 metros lineais distribuídos en 33 unidades de instalación.

13- Banda Municipal de Música (1883-1984).

Banda Municipal de Música

O fondo da Banda Municipal de Música componse de seis unidades de instalación con documentación comprendida entre 1883 e 1984. A maior parte das unidades documentais relaciónanse coa administración da agrupación, contando con actas, regulamentos, nóminas, contas ou oposicións de músicos. O documento máis importante é o libro titulado “Archivo de la Banda Municipal de Vigo” do ano 1953, que contén unha relación de todas as partituras da agrupación, clasificadas segundo o xénero.

14- Escola de Artes e Oficios (1886-1993).

Escola de Artes e OficiosO fondo da Escola Municipal deArtes e Oficios ten un volume de 10 unidades de instalación. Este conxunto supón a parte conservada polo Concello de Vigo, mentres que a propia Escola Municipal de Artes e Oficios alberga no seu arquivo un fondo complementario. A maior parte dos rexistros son de carácter económico e administrativo, destacando polo seu volume e importancia os “Oficios da Xunta Directiva da Escola Municipal de Artes e Oficios remitindo resumo dos acordos das sesións”. Outra sección importante é a dedicada ao persoal, conservándose todo tipo de instancias, currículos ou exames de oposición de mestres da escola. O documento máis antigo dos conservados é o Regulamento da Escola Municipal de Artes e Oficios (1886).

 

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100