Cultura

Casas de Manuel Bárcena Franco

  • Arquitecto: Jenaro de la Fuente Domínguez
  • Ano: 1879
  • Localización: rúa de Policarpo Sánz, 24-26

Foron sede da Caixa de Aforros de Vigo e da Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Vigo e, na actualidade, albergan as salas de exposición de arte de Caixanova.

É un edificio de granito de cantería de estilo ecléctico. Ten unha planta baixa e tres andares e non presenta ningunha alteración en relación co proxecto inicial.

Dúas fachadas similares enlázanse mediante un chafrán con galerías. As fachadas organízanse verticalmente mediante un corpo central máis adiantado e dous laterais cun paramento almofadado e unha ornamentación máis coidada. O corpo central de cada fronte amosa un tratamento máis clasicista, do que resalta a molduración dos arcos de medio punto sustentados por pilastras e cun frontón triangular no van central do terceiro andar.

Na coroación do edificio hai un peitoril de tres arcos, perforado por óculos de forma elíptica e decorado con xerros. No centro desta composición aparecen as iniciais do propietario do edificio M.B. (Manuel Bárcena).

Neste edificio pódese observar unha das principais características do estilo ecléctico como é a diferenciación de cada andar variando a ornamentación e o tipo de vans. A ornamentación céntrase sobre todo na zona superior dos vans, no sobrelintel e nos arcos, onde aparecen molduras e falsas claves coas que se chega a crear un xogo decorativo unitario coas elaboradas ménsulas de soporte dos balcóns situadas neste espazo. Nos corpos laterais de cada fachada destacan as claves dos arcos do acceso principal da rúa de Policarpo Sanz que acollen unha máscara cun delicado rostro de muller.

Para mellorar a distribución interior e ampliar os espazos, as columnas e as vigas empregadas son de ferro co que se consegue uns baixos máis extensos para albergar as oficinas do banco.

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100