Montes, parques e xardíns

O Castro

O monte do Castro é o punto de orixe da cidade de Vigo, o lugar onde os primeros poboadores se asentaron. Así podemos atopar restos castrenses datados do século II e III a.C. Hoxe en día aínda se conservan unhas 45 construcións pétreas na ladeira dereita do monte.

Na Idade Media construíuse o Castelo do Castro, o cal se erixiu ao mesmo tempo que o castelo de San Sebastián e a fortaleza que unía ambas as fortificacións. A fortaleza do Castro estaba formada por tres recintos amurallados. Na actualidade só se conserva o primeiro recinto e parte do segundo; o terceiro, que sería a muralla da cidade, desapareceu na súa totalidade.

O primeiro recinto é a fortaleza que coroa a cima do Castro, agora convertida en miradoiro. Nela podemos atopar o monumento dedicado ao empuxe vigués e aos canteiros.

O segundo recinto é a fortaleza de San Sebastián, na actualidade ocupado pola praza do Rei e a casa consistorial. Atopáronse pasadizos e túneles que comunicaban os castelos entre si e coa cidade.

No monte do Castro tamén podemos atopar o monumento dedicado a Curros Enríquez, un dos máximos representantes da literatura galega do século XIX; o monumento dedicado a Martín Códax (trobador medieval); os Galeóns de Rande -monumento dedicado á batalla de Rande de 1702-; A cruz dos Caídos (monumento en honra aos caídos durante a Guerra Civil española); etc.

O Castro é tamén un magnífico parque botánico, con gran variedade de especies tanto autóctonas como foráneas. Destacan os piñeiros, cedros e camelias.

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100