Servizos Sociais

Outros programas e servizos para persoas con discapacidade

A Concellería de Política Social, mediante a colaboración con entidades sociais, ofrece os seguintes programas, proxectos e servizos para a atención de determinados colectivos:

Proxecto de autonomía persoal "Móvome"

Programa desenvolvido en colaboración coa Asociación para o Síndrome de Down de Vigo que  impulsa a autonomía persoal de nenos, nenas, mozos e mozas con síndrome de Down mediante actividades que faciliten a súa integración, as súas habilidades sociais e o coñecemento da contorna.

O obxectivo principal deste programa é favorecer o desenvolvemento e autonomía das persoas con Síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual a través de actividades lúdicas, culturais e sociais, traballando desde os intereses das propias persoas con discapacidade en dous ámbitos: aula e cidade.

Dun lado, no contexto da aula ofrécenselles os recursos para que consigan desenvolver a súa autonomía, a súa maneira de relacionarse e a ampliación do coñecemento da súa cidade. Doutro, os participantes asumen un papel activo e protagonista na organización de actividades de lecer ao rematar a súa actividade académica ou laboral.

Máis información na Asociación para o Síndrome de Down Vigo, no teléfono 986 201 656.

Volver ao inicio

Proxecto "De boa man"

A Concellería de Política Social, en colaboración co Centro Príncipe - Centro Comercial Aberto, organiza a campaña “De boa man” co obxectivo de involucrar ao tecido social da cidade na integración social das persoas con discapacidade, coa oferta dun comercio alternativo e máis solidario.

De Boa Man é un espazo de comercio solidario no que se dan a coñecer os produtos realizados por persoas con discapacidade en dúas edicións ao ano (Verán e Nadal). Sitúase na rúa Príncipe esquina coa rúa Velázquez Moreno, en dúas carpas, onde se expoñen e venden produtos elaborados nos talleres ocupacionais.

Na edición de 2017 participaron as seguintes entidades:

ALENTO (Asociación de Dano Cerebral de Vigo), ASEM (Federación Española de Enfermidades Neuromusculares), ASPANAEX (Asociación en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual), ASPAVI (Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Vigo), COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI), DOA (Asociación de Axuda ao Enfermo Mental), Fundación MENELA (Fundación a favor das Persoas con Trastorno do Espectro Autista), Fogar e Clínica San Rafael (Hermanos de San Juan de Dios) e a Asociación Xaruma.

Volver ao inicio

Atención ás persoas con enfermidade mental e ás súas familias

O proxecto desenvolvido en colaboración coa Asociación de axuda aos enfermos mentais DOA, ten por finalidade a atención das persoas con discapacidade psíquica e as súas familias no Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral que a citada entidade ten na nosa cidade, sendo beneficiarios do mesmo, persoas con neurosis graves ou psicosis cuxo estado non sexa incompatible coa súa posible reinserción psicosocial.

Mediante esta colaboración a Concellería de Política Social subvenciona catro prazas no Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral para persoas empadroadas en Vigo en idades comprendidas entre 17 e 55 anos derivadas polos profesionais dos Servizos Sociais municipais.

Volver ao inicio

Convenio coa Asociación de Personas Sordas de Vigo

O convenio de colaboración coa Asociación de Personas Sordas de Vigo trata de fomentar a supresión de barreiras na comunicación a través da prestación do servizo de intérprete de lingua de signos española (LSE) que a ASV se compromete a poñer a disposición da Concellería de Política Social para colaborar na realización de actividades que faciliten a comunicación directa ás persoas con discapacidades auditivas do municipio de Vigo e cubrir servizos necesarios como a asistencia a reunións, despachos profesionais, comparecencias en tribunais, consultas médicas, conferencias e cursos organizados polo Concello ou a ASV.

O servizo pode ser solicitado por calquera persoa xorda ou oínte, ou por entidades públicas e privadas que necesiten manter unha comunicación coas persoas xordas seguindo o sistema de "chamada previa", é dicir, que as persoas que precisen os servizos da intérprete deben chamar con antelación á ASV, no teléfono 986 281 370, comunicando os seus datos persoais, data, lugar e materia para a que se require o servizo.

É un servizo totalmente gratuíto para as persoas usuarias e o horario de prestación do servizo é flexible e estímase en 48 horas semanais.

Volver ao inicio

Convenio coa Asociación de Axuda aos Enfermos Mentais DOA

A Concellería de Política Social colabora con DOA no desenvolvemento do "Obradoiro de cartón-pedra, coiro e serigrafía" para persoas con enfermidade mental.

Os obradoiros teñen como obxectivos fomentar a adquisición de habilidades manuais das persoas participantes, diminuír o tempo dedicado a pensamentos propios da súa doenza, fomentar a súa socialización compartindo un traballo en común (cartón-pedra, coiro, serigrafía) e fomentar a adquisición dos hábitos propios do desempeño dun traballo normalizado (cumprimento de horarios, normas...).

A Asociación é unha entidade sen ánimo de lucro que leva traballando desde 1987 no tratamento e mellora da calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e as súas familias coa finalidade é a de acadar a normalización social, o axuste persoal, laboral e familiar das persoas que padecen estas doenzas e dar á sociedade un mellor coñecemento da saúde mental.

Volver ao inicio

Convenio coa Asociación Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia

A Concellería de Política Social colabora con AFAGA no desenvolvemento do "Programa de respiro familiar" a través de obradoiros de estimulación cognitiva e funcional para persoas con demencia neurodexenerativa subvencionando dez das súas prazas e outras dez prazas para apoio dos familiares.

O programa inclúe unha serie de obradoiros que teñen como obxectivos específicos manter as capacidades mentais e funcionais o máximo tempo posible, evitar a desconexión e fortalecer as relacións sociais, facilitar un descanso aos coidadores e/ou familiares e mellorar o seu estado emocional.

Para a derivación de persoas usuarias polos servizos sociais municipais séguese o criterio de que non teñan gravemente afectada a súa capacidade motora e poidan, polo tanto, seren  obxecto de estimulación.

A participación no programa non ten cargo ningún para os beneficiarios.

Volver ao inicio

Convenio coa Fundación Menela

A Concellería de Política Social do Concello de Vigo desenvolve mediante un convenio de colaboración coa Fundación Menela o "Programa de Respiro Familiar" dirixido a familiares e coidadores habituais de persoas afectadas por algunha discapacidade que precisan dispoñer puntualmente de tempo libre para atender aos seus compromisos de traballo, celebracións sociais, lecer, actos culturais, citas médicas, etc.

O programa consiste en estanzas de curta duración das persoas con discapacidade no edificio CAMI da Fundación Menela onde, ademais das actividades de coidado, aseo, alimentación, etc. realízanse tamén actividades lúdicas, sesións de cine, etc. Fora do edificio fanse "saídas de socialización", acudindo a lugares normalizados da comunidade: cafeterías, cines, concertos, praias, etc.

As actividades realízanse durante todo o ano, mentres exista orzamento, sempre a demanda das familias ou das propias persoas usuarias, que deben estar empadroadas en Vigo, ter unha idade comprendida entre os 3 e os 50 anos e realizar a achega económica correspondente.

As estancias son como mínimo dun día e máximo de tres, en fins de semana, agás casos excepcionais que se atenderán calquera día da semana ata un máximo de catro, previa autorización municipal. Cada persoa pode desfrutar dun máximo de seis estanzas no período anual e en cada estanza hai seis persoas usuarias atendidas, como mínimo, por dous profesionais.

Volver ao inicio

Convenio coa Asociación Española Contra el Cáncer

A AECC é unha entidade sen ánimo de lucro que ten como propósito loitar contra o cancro en todas as modalidades coñecidas, ou que se coñezan no futuro. O convenio coa AECC ten como obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas diagnosticadas de cancro e as súas familias a través de programas específicos de intervención psicolóxica individual, grupal e social, actividades de ocio e tempo de lecer, programas de voluntariado testemuñal, de inserción laboral, etc.

En virtude do mesmo, a AECC comprométese a atender a 25 doentes oncolóxicos e 25 familiares de doentes derivados pola Concellería de Política Social.

O programa de atención psicosocial conta con tres áreas de traballo ou departamentos:

  • O de traballo social, no que se ofrece todo tipo de información e asesoramento sobre as enfermidades cancerosas e as posibles terapias para persoas enfermas de cancro nos estadios iniciais ou intermedios, así como a familiares en situación de risco social.
  • O de psicoloxía, no que se presta atención psicolóxica individualizada ás persoas enfermas de cancro nos estadios iniciais ou intermedios e ás súas familias.
  • E o equipo de atención psicosocial a enfermos terminais e coidadores principais, que pretende complementar as actuacións dos equipos de Hospitalización a domicilio dos Hospitais Públicos de Vigo.

Volver ao inicio

Convenio coa Asociación Galega S. Francisco

A "Asociación Galega San Francisco" (AGASFRA) é unha asociación privada sen ánimo de lucro que leva traballando desde hai moitos anos na protección das persoas con discapacidade intelectual e a axuda ás súas familias.

O convenio coa Asociación ten como obxectivo o de colaborar activamente na execución do proxecto “Xornadas de convivencia entre as persoas con discapacidade intelectual e as súas familias e obradoiros de estimulación e lecer promovidos polo Concello de Vigo, de cara a unha promoción integral das persoas con discapacidade e ao fomento do movemento asociativo de pais e familiares afectados.

Volver ao inicio

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100