As Illas Cíes

Ruta do Monte Agudo

  • Distancia: 5,5 Km
  • Duración: 1h 45 min
  • Tipo de ruta: non circular
  • Dificultade: media

Partimos da Caseta de Información. Collemos a pista de Rodeiras á dereita que nos leva á praia de Figueiras (300m). Seguimos ascendendo até que chegamos á encrucillada principal da Illa de Monte Agudo (20 min).

Unha vez na encrucillada, seguimos recto uns 400 m até chegar á zona da Valgada (30 min). Continuamos por este camiño que nos aproxima ao pé do alto de Monte Agudo (cuxa característica forma dá nome a esta illa). Chegamos a unha bifurcación; tomamos a ruta da esquerda que nos leva até o observatorio de aves, a través dunha pequena zona arborada, onde aínda se conservan as ruínas dun antigo asentamento insular. Desde o observatorio, paga a pena observar o espectáculo que forman os centos de gaivotas patiamarelas e cormoráns moñudos nestas ladeiras esgrevias da illa.

Desde aquí xa se pode ver o faro do Peito ou de Monteagudo pero, para chegar até el, temos que retroceder un pouco e descender por un vieiro á nosa esquerda que enlaza co camiño que conduce cara ao faro. Este punto das illas Cíes é o máis próximo ao continente xa que está a tan só 2,5 km da Costa da Vela e de Cabo Home, na península do Morrazo. Ao norte, divisamos a illa de Ons, na entrada da Ría de Pontevedra.

Se descendemos por unha pista de cemento, achegámonos a unha pequena furna (cova mariña que se forma cando a rocha -de estrutura granítica- se fractura de forma vertical debido ao embate das ondas). Neste contorno observamos distintas especies de plantas que viven nas rochas, como o fiúncho (crithmum maritimun), armeria, ou herba de namorar (armeria pungens).

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100