O último suceso histórico de transcendencia no que a muralla xogou o seu papel foi a Reconquista de Vigo (1809), un episodio da guerra da Independencia española contra a invasión napoleónica vitoriosamente resolto. Unha xesta da poboación viguesa e das milicias formadas por opositores á ocupación francesa pola que, un ano despois, Vigo recibiría o título de “Cidade fiel, leal e valerosa”.
A vitoria tivo unha grande relevancia ao amosar que era posible vencer o imperio napoleónico e infundir moral aos sublevados para continuar a reconquista doutras cidades e vilas. Malia iso, a guerra, como todas, supuxo perda de vidas, traballos, facendas… e o deterioro das condicións de vida.
A reconquista en 16 pasos
Maio-Decembro 1808: A sublevación contra Napoleón
O levantamento contra a ocupación francesa comeza en Madrid, en maio de 1808. Ante o éxito dos españois, apoiados por Inglaterra, no outono chegará Napoleón para conter a sublevación. En decembro os ingleses van de retirada para embarcar na Coruña e Vigo. Os galos séguenlles de cerca. O 16 de xaneiro de 1809, ocorre a batalla de Elviña, na Coruña. A cidade capitula, o mesmo que Santiago, Ferrol, Mondoñedo… Ante tales noticias Vigo intenta prepararse.
Logo dunha revolta veciñal na que se substitúen os principais cargos da vila, créase a Xunta de Defensa de Vigo. Autoridades e veciñanza organizan a defensa e sitúan a artillería. A súa forza non chega a 300 homes entre soldados e voluntarios sen experiencia.
Xaneiro 1809: Vigo capitula ante os franceses
- Chega unha avanzada francesa: O día 31, chega unha avanzada de cabalería francesa ao Areal e, dúas horas despois, dous escuadróns de húsares. Solicitan a rendición da praza e fortes.
- A veciñanza impídenlles a entrada: O pobo de Vigo, alborotado, esixe o peche de portas e a defensa da praza. Ante a falta de artilleiros, un veciño intenta disparar un canón sito sobre a porta da Gamboa. Acoden as autoridades a acougalos.
- A vila réndese: Máis tranquilos e reunidos fronte ao concello, o gobernador militar, Juan de Villavicencio, convence a veciñanza da inutilidade dunha resistencia que só traería derramamento de sangue. Ese día Vigo asina a rendición.
- A tropa viguesa abandona a praza: Mentres os dous escuadróns de húsares entran pola porta da Gamboa, os soldados vigueses saen pola da Falperra para unirse ás milicias.
Febreiro 1809: Os franceses ocupan a vila e comeza a resistencia
- Os franceses toman a vila: O primeiro día do mes entran 1.200 soldados franceses pola porta do Sol. Mandan ao gobernador que requise as armas para queimalas, tres días despois, no baluarte da Laxe. Ese mesmo día entra máis tropa.
- Os bens saqueados polos franceses quedan en Vigo: Os carros, cos “tesouros” saqueados polos franceses, quedan en Vigo ao non poder levalos a Portugal, polo mal estado dos camiños. Os franceses aprovisiónanse e reciben atención médica. O avituallamento fáiselles difícil.
- Os sublevados comezan a organizarse: O día 14 hai unha reunión secreta na casa do alcalde do Fragoso, Cayetano Pérez de Limia. Contan co párroco de Bouzas e co alcalde de Vigo, Francisco Javier Vázquez Varela. Empezan a organizar a sublevación contra o francés.
- A poboación viguesa maquina contra os ocupantes: O día 16 abandona a praza a cuarta división francesa do xeneral Heudelet. Os ocupados comezan a pensar como acabar coa gornición que queda, uns 1.500 homes. A poboación (autoridades, veciños e veciñas, curas e frades), entorpecerá a actividade dos ocupantes con ocultación de víveres, roubo de armas, trasfega de mensaxes co exterior... algúns franciscanos percorren as aldeas da comarca chamando á sublevación.
Marzo 1809: Reconquístase a praza
- Os sublevados reúnense en Zamáns: Joaquín Tenreiro logra reunir uns 3.000 homes no val Miñor. O día 12 reúnese, en Zamáns, cos abades de Valadares e Fragoso. Acordan a reconquista de Vigo. Días despois chegará o capitán Pablo Morillo que asumirá o mando.
- Iníciase o cerco a Vigo: O día 14 as milicias sitúanse pechando os accesos á vila. Comeza o cerco. Cando os franceses saen para aprovisionarse os sublevados abórdanos. O día 19 os franceses saen, pola porta da Gamboa, para alimentar os seus cabalos, e ocorre un combate con numerosas baixas francesas. As milicias chegan ao pé do castelo do Castro. Solicitan a rendición da praza. O gobernador francés, Chalot, non acepta renderse ante paisanos.
- Asasinan a tres veciños nunha taberna: A mesma noite do 19 uns soldados franceses asasinan tres vigueses nunha taberna. Os seus corpos localízanse enterrados na praia próxima ao baluarte da Laxe.
- Aumenta a tensión: Péchanse as portas da vila. Os galos padecen escaseza de víveres. Algúns soldados franceses ruben pola muralla e asaltan as casas dos barrios exteriores. Os veciños do barrio da Falperra e a rúa de Santiago quéixanse diso perante a autoridade gala.
- Solicítaselles a rendición aos franceses: O día 23 solicítase a rendición. O gobernador francés responde con evasivas á espera de reforzos. Chegan as fragatas inglesas Lively e Venus, que colaborarán na reconquista. Esa mesma noite hai noticias de que se achegan 1.600 franceses. Envíanse tropas para contelos en Ponte Sampaio.
- Organízase o asalto á vila: O día 27, esíxese a rendición unha vez máis. Morillo, recentemente nomeado coronel, embarca nas fragatas inglesas para comunicar o inminente ataque á praza, pois os seus homes están ansiosos por asaltala. Logo ordena a aproximación ás murallas.
- A vila tómase en pouco máis dunha hora: O combate comezou ese día sobre as 9 da noite. Facían lume sobre os franceses achegándose ás portas da muralla e arrimando escaleiras para saltalas. Entón prodúcese o lendario suceso de Carolo, o ancián mariñeiro do Berbés que morre intentando derrubar, cun machado, a porta da Gamboa. Colle o machado o capitán de milicias, Bernardo González do Val –“Cachamuíña”- que derruba a porta antes de caer ferido por catro disparos. Os asaltantes ocupan as murallas mentres os franceses se atrincheiran no castelo de San Sebastián e na batería da Laxe.
- Os prisioneiros franceses embarcan cara a Inglaterra: Os franceses entregan a praza ao amencer do día 28. Fanse uns 1.400 prisioneiros, entre soldados e oficiais, que saen desfilando para embarcar nas fragatas inglesas. Tómase o castelo do Castro. Os franceses mortos ao longo da ocupación enterráronse no areal de Coia.
Vestixios da muralla, cicatrices da historia viguesa no subsolo da cidade
Os primeiros restos da muralla descubertos no subsolo da cidade consérvanse aquí. Durante unha vintena de anos dispuxéronse visibles ao público a través dunha cuberta transparente. Este sistema resultou ineficaz tanto para a súa exposición como para a súa adecuada conservación. Por iso, logo dunha limpeza e consolidación, cubríronse a fin de preservalos.
A poucos metros de aquí, na confluencia coa rúa Montero Ríos, localizouse un canón do século XVIII, de case 3 m de lonxitude. É un vestixio máis da defensa da vila.
Así mesmo localizáronse outros restos da muralla en diferentes puntos da cidade. A súa escavación e estudo permite orientar a reconstrución do seu trazado e coñecer algunhas das súas particularidades. Preservados baixo o chan actual, son marcas da potencia histórica de Vigo.