Patrimonio Histórico

Sen defensas Vigo era presa fácil de piratas e inimigos

No século XVI Vigo prosperaba grazas ás bondades do seu porto e ao dinamismo da súa xente. Carecendo de murallas, resultaba accesible aos inimigos que asaltaban as costas. A necesidade de seguridade para a veciñanza e para a actividade portuaria demanda unhas defensas que tardarían un século en construírse.

Vigo era un porto florecente, cun crecente tráfico comercial, pero resultaba indefenso sen murallas. Os corsarios ingleses, apoiados pola súa coroa, atacaban barcos e portos españois. En 1589 os vigueses sufrirían a ofensiva do corsario Francis Drake que arrasa casas, almacéns, barcos e templos destruíndo os medios de vida da veciñanza.

 

O ataque de Francis Drake (1589)

O ataque de Francis Drake (1589)

"Entro el corsario Lutherano Francisco Draques general de la armada Inglesa. Enbiada por la Reyna Isabela Lutherana (…) en esta ría de Vigo con doscientas y trece velas grandes y pequeñas el cual venia de haber estado sobre la Coruña la cual no pudo tomar escepto que quemo y asolo la pescadería y benia de estar sobre Lisbona y llego con doce mill ynfantes hasta los muros de ella y se retiro y de la retirada vino á esta dicha Villa la cual ocupó dende Boças asta Remde dejando en las yslas de Sias 20 naves en retaguardia y echó seis mil peones en tierra la mayor fuerza desenbarco en el cabron de Teys, y la mas por Sta. Martha y Coya y tomaron y ocuparon nuestra Sra. del Castro y entraron en la Villa sin resistencia y la saquearon y quemaron la Iglesia mayor y las mejores casas de la villa asta quinientas y setenta casas y no murieron sino dos mujeres desta villa, mas antes los del pueblo que se retiraron mataron dende la gandariña y por circunloquio de la villa asta trescientos lutheranos".

Descrición recollida nos libros parroquiais por Gregorio Servido, prior de Vigo, en 1589.

Descrición recollida nos libros parroquiais por Gregorio Servido, prior de Vigo, en 1589

O rei Felipe II planifica a protección dos portos galegos a fins do século XVI. Pero a muralla aínda tardaría. Levántase en 1656, en plena guerra de independencia portuguesa, un ano despois de que o inglés John Culpepper canonease a vila e destruíse algunhas casas.

Os ataques piratas, a guerra, a emigración de moitos veciños e veciñas e a diminución da actividade comercial empobreceran a vila.

Daquela, a muralla levántase nun momento difícil para Vigo, sobre unha topografía complexa, con urxencia e recursos limitados. O seu resultado será unha muralla con carencias defensivas. Empézase antes de que o rei aprobe o orzamento para a súa construción, quizais porque os vigueses a sentían necesaria. Aínda que había estudos realizados por enxeñeiros da coroa, será deseñada por un veciño de Vigo, o capitán D. Andrés de Arce e Castro.

 

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100