Información
Unha das parroquias costeiras de Vigo, con algo máis de novecentas hectáreas de superficie e 5.271 habitantes, segundo os últimos datos de poboación. Aquí atopáronse algúns dos achados arqueolóxicos máis antigos do concello, como os petroglifos localizados no lugar de Fragoselo, ou en Casteñeirón; amosando a importancia do poboamento da zona na Idade do Bronce . A cultura castrexa na parroquia pode ser rastrexada a través dos restos localizados en San Lourenzo e na illa de Toralla, onde tamén son evidentes as pegadas da romanización.
O rico pasado histórico da parroquia reflíctése tamén no folclore e lendas do lugar, como as construídas ó redor do Penedo da Moura, no monte de Pedra Longa, ou na Fonte Fría. A igrexa de San Salvador conserva tres vistosos ábsides, vestixios románicos do templo, sección dun monasterio benedictino desaparecido no século XIV.
Doutra banda, tamén merece a pena mencionar a gamela coruxeira, un tipo de embarcación tradicional moi estendida nas augas viguesas e que debeu nacer nas carpinterías de ribeira desta parroquia. Coruxo dispón dun Centro Recreativo Artístico e Cultural, dunha asociación de veciños e dun pavillón polideportivo. Ademais, conta cunha xunta de montes en mancomunidade que administra unha superficie de 231 hectáreas. A súa identidade como parroquia está viva e a proba é a pervivencia de costumes culturais propios: o martes do Entroido faise a queima da figura do Castrón.
Máis información en:
- Comunidade de montes veciñais de Coruxo
- Gaiteiros da Xistra
Concello de Vigo
Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100