Medio Ambiente
O Centro Municipal de Recollida de Animais Abandonados de Vigo, situado na subida á Madroa, leva desde 1977 prestando servizo como refuxio para animais. En 1989 iniciáronse melloras e actuacións de acondicionamento co obxectivo de ofrecer unhas instalacións máis adecuadas para o seu benestar.
Durante os últimos anos, a xestión do centro desenvolveuse en colaboración coa Asociación Protectora de Animais e Plantas de Vigo. Esta etapa finalizou en setembro de 2024, momento no que a empresa Servigal pasou a asumir o servizo.
Dende entón, Servigal é a encargada da recollida de animais extraviados e abandonados, da atención diaria no centro municipal, da xestión das colonias felinas e tamén da atención a reses mostrencas e outros animais da competencia municipal.
Esta nova etapa complementarase con diversas campañas de concienciación para o fomento e a promoción da adopción responsable. Un dos eixos principais é a iniciativa Adóptame en Vigo, protagonizada por Urco, un can que se converte en embaixador da adopción a través do conto “Urco, unha historia reciclada”. Esta publicación foi distribuída nos anos 2024 e 2025 en todos os centros escolares públicos e concertados de Vigo, cun total de 6.300 exemplares repartidos, ademais de estar presente en bibliotecas e clínicas veterinarias da cidade. A través desta iniciativa, preténdese sensibilizar á cidadanía, especialmente á infancia, sobre a importancia de adoptar e coidar dos animais.
Con este tipo de accións e coa nova xestión do centro municipal, o Concello de Vigo aposta por un modelo máis ético, responsable e comprometido co benestar animal, impulsando unha atención renovada, eficiente e centrada na protección dos animais abandonados.
Concello de Vigo
Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100