Cultura

Casa das Artes

Enderezo: rúa Policarpo Sanz, 15. 36201 Vigo
Teléfonos: 986 439 525 / 986 438 446
Fax: 986 437 713
e-mail: ofi.cultura@vigo.org

Horario:

  • De luns a venres.- De 18:00 a 21:00 h.
  • Sábados.- De 12,00 a 14,00 e de 18:00 a 21:00 horas
  • Domingos e festivos.- De 12,00 a 14,00 h.

 

Edificio racionalista do ano 1939, proxectado por Romualdo de Madariaga. Foi concibido como Banco de España ata que, a mediados da década dos anos 80, o Ministerio de Economía e Facenda decide eliminar todas as sucursais que non estean en capitais de provincia, pasando a formar parte do patrimonio municipal.

A Casa das Artes, que comezou a súa andaina en 1990, constitúe desde entón o principal espazo destinado a albergar exposicións temporais municipais. Deste xeito, a súas salas acolleron mostras de artes plásticas, arquitectura e fotografía, entre outras disciplinas artísticas, tanto de arte galega contemporánea como das vangardas artísticas máis internacionais do século XX.

Este amplo abano de exposicións pon de manifesto un dos obxectivos primordiais da Casa das Artes, a difusión xeral da cultura en todas as súas formas e manifestacións.

Por outro lado, a Casa das Artes acolle diversas coleccións municipais. É a sede da Fundación Laxeiro, do Arquivo Fotográfico Pacheco e da Colección Torras, a cal nace en 1998 froito da doazón realizada polo artista vigués Luis Torras á cidade e que representa a mellor selección da obra desenvolvida por este artista ao longo da súa traxectoria. Considerada unha das figuras máis destacadas da plástica galega contemporánea, Luis Torras manifesta na súa colección, integrada por 67 cadros, unha predilección polas paisaxes e retratos, seguindo unha técnica meticulosa e un estilo que desemboca nun singular fauvismo, desde un postimpresionismo de raíces cubistas.

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100