Información

Bembrive

Parroquia senlleira ao conservar un rango administrativo propio cando se produce a súa anexión a Vigo. A Entidade Local Menor de Bembrive constituíse en 1945, categoría tan só compartida con outras oito parroquias galegas. A entidade está rexida por un alcalde pedáneo e catro vogais. A elección de alcalde celébrase xunto coas eleccións municipais pero de xeito diferenciado: a elección de vogais é resultado dos votos acadados polos partidos políticos no ámbito parroquial.

As vogalías están adicadas a temas sobre os que a entidade ten certa competencia: monte, relacións cidadás, urbanismo, obras e servizos. Basicamente, as súas funcións son a xestión do monte, 355 hectáreas, e artellar unha rede de infraestruturas e servizos máis acorde coas necesidades da poboación. Así, boa parte do seu financiamento provén do aproveitamento forestal.

Por tanto, a veciñanza ao completo está representada na Entidade Local Menor. Esta institución conta cun edificio a modo de "casa consistorial" no centro do barrio de Mosteiro.

Os veciños empregan a entidade como vehículo para expresar as súas reivindicacións ante outras institucións, como o concello; para resolver problemáticas internas, como en materia de infraestruturas; e incluso con carácter xurisdicional, para que os representantes medien nos conflitos entre veciños.

A demanda por parte da poboación de cultura e lecer, é cuberta en exclusiva polos centros socioculturais "Helios" e "Xestas".

A Asociación Cultural "Helios" ten unha profunda raigame na parroquia. Data de comezos do século XX, pola actividade da Irmandade de Labradores e Gandeiros que formou o grupo coral "Helios".

As primeiras mencións á parroquia de Bembrive datan do ano 915 cando Ordoño II lle outorga ao bispo de Lugo, Recaredo, o poboado de terras de Benevivere, no couto de Turonio.

Verbo do seu patrimonio artístico, son salientables a igrexa parroquial de Santiago de Bembrive, construída no século XII, e o cruceiro do Cacheno, consruído no XVIII e motivo de lenda na zona. Doutra banda, dos 137 hórreos presentes na parroquia, o 85% conta máis de cen anos.

O topónimo procede do latín medieval "bene vivere" que denominaba terras rústicas de recreo propiedade dun señor.

Máis información en:
- Sociedade Cultural Helios

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100