Arquivo municipal
Esta actuación, financiada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), ten o obxectivo de garantir a preservación e difusión do patrimonio documental do Arquivo municipal, facilitando o seu acceso a través do portal Galiciana – Patrimonio Dixital de Galicia.
Libros de apeos do Marquesado de Mos e Valadares
O Arquivo municipal ten iniciado, desde xaneiro de 2020, un proceso de modernización e informatización coa reorganización de todos os seus fondos e coleccións documentais. Os obxectivos desta reorganización son os de adaptarse ás normas e estándares internacionais de descrición arquivística, facilitar o acceso online aos catálogos informatizados de cada un dos fondos documentais e poñer a disposición da cidadanía os materiais dixitalizados.
Como resultado deste proceso os usuarios xa poden acceder aos catálogos informatizados dos fondos históricos e patrimoniais do Arquivo municipal a través do portal Atopo. Ademais, estase a traballar para poder ofrecer á cidadanía as imaxes resultado do plan piloto de dixitalización que se ten realizado sobre os libros de actas do Pleno e da Comisión Municipal Permanente do Concello de Vigo.
Proseguindo nesta liña de actuación, o Arquivo municipal dixitalizará, mediante unha subvención concedida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, cofinanciada co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, unha parte dos seus fondos históricos e patrimoniais. Así, este proxecto abranguerá a documentación de catro fondos documentais.
Libro dos autos, contas e cousas do Concello da Vila de Bouzas (1599)
Por unha parte, o proxecto contempla a dixitalización completa dos fondos do Marquesado de Valadares (1532-1950) e do Marquesado de Mos e Valadares (1378-1969). Do primeiro podemos destacar as árbores xenealóxicas nas que se nos ofrecen as relacións, orixe e descendencia da propia familia e a correspondencia de José Elduayen Gorriti, importante político da segunda metade do século XIX, con distintas personalidades. Do segundo, podemos destacar a súa grande amplitude cronolóxica, que abrangue desde finais do século XIV até o século XX, onde a documentación relativa á xestión do patrimonio (foros, rendas, vendas, apeos etc.) ten un importante papel. Xa que logo, a través destes dous fondos podemos estudar a evolución socioeconómica e política da sociedade galega converténdose nunha fonte histórica excepcional.
Outra documentación que será obxecto de dixitalización será a pertencente aos fondos dos extintos concellos de Bouzas e Lavadores. Nesta ocasión tan só se abordará a dixitalización dos documentos máis destacados de cada un dos fondos como son os libros de actas do Pleno, da Comisión Municipal Permanente ou da Xunta Municipal de Asociados. Esta documentación, por tanto, ten un alto valor informativo e testemuña a evolución administrativa durante o século XIX e XX daqueles concellos que no seu día foron independentes e que actualmente están integrados no Concello de Vigo.
Libro de actas do Pleno. Concello de Lavadores
Xa que logo, toda esta documentación contén informacións dun alto valor histórico que nos permiten achegarnos á evolución política, social e económica do municipio e da súa contorna ao longo dos séculos, desde a Idade Moderna até a instauración do Réxime Liberal no século XIX e o seu desenvolvemento.
Concello de Vigo
Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100