Arquivo municipal

O Arquivo municipal de Vigo estrea sección propia na web do Concello

O Arquivo municipal de Vigo comeza o ano 2021 estreando unha sección propia na web do Concello. Por vez primeira na súa historia, esta institución arquivística disporá dun espazo web onde facilitar á cidadanía as informacións básicas relativas aos seus servizos, ás súas actividades e aos fondos e coleccións que custodia. Así, esta sección da web municipal pretende achegar as informacións actualizadas relativas ao desenvolvemento das tarefas arquivísticas que lles son propias. Xa que logo, a finalidade deste espazo será a divulgación activa dos fondos e coleccións depositados no Arquivo municipal.

A sección do Arquivo municipal estará estruturada en seis epígrafes onde se poderán consultar as informacións básicas sobre a Institución (instalacións e servizos), os fondos e coleccións que custodia (fondos públicos, fondos privados, coleccións documentais e outras coleccións), as novas de interese sobre as actuacións realizadas, así como as referencias ao Arquivo aparecidas nos medios. Tamén se disporá de espazos onde ofrecer a documentación propia do Arquivo (memorias, Política de Xestión Documental etc.), recursos profesionais e ligazóns de interese a outras páxinas ou plataformas arquivísticas.

Como unha entidade viva que é, a información ofrecida á cidadanía irá aumentando segundo se desenvolvan os traballos arquivísticos polo que estará en constante actualización.

Nestes momentos, o Arquivo municipal está a reorganizar por completo os fondos documentais que custodia, reclasificándoos, reordenándoos e describíndoos para facilitar o seu acceso e consulta. Ademais, tamén se está procedendo a mellorar as instalacións para poder aumentar a súa capacidade e garantir unha correcta conservación da documentación.

Por outra parte, desde xaneiro de 2020, o Arquivo municipal ten iniciado un plan piloto de dixitalización que permitirá nun futuro acceder telematicamente á documentación a través dun portal web. Este proxecto abrangue as series documentais denominadas Libros de actas do Pleno, Libros de actas da Comisión Municipal Permanente e Padróns de Habitantes entre outras. Ademais, e en paralelo, tamén se procedeu á dixitalización dos Libros copiadores de correspondencia, Libros rexistro de entrada de documentos e Libros rexistro de saída de documentos. Estas operacións complementaranse coa instalación dun xestor de arquivos que permitirá pór a disposición da cidadanía o catálogo dos seus fondos e as dixitalizacións asociadas que esperemos estea dispoñible ao longo deste ano.

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100