Igualdade

Consello Municipal da Muller

O Consello Municipal da Muller nace o 2 de decembro de 1993, como unha iniciativa pioneira en todo o estado e co obxecto de garantir o dereito á participación na vida municipal das cidadás viguesas como colectivo social. Trátase dun órgano de carácter consultivo, e entre as súas funcións atópanse a elaboración de informes, estudos e propostas en relación coas iniciativas municipais de impulso da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes en tódolos ámbitos da vida política, económica e social da cidade de Vigo.

Dende o seu nacemento, o Consello Municipal da Muller ten organizado numerosas actividades centradas na defensa das mulleres en todos os seus ámbitos, na concienciación social a prol daigualdade, na denuncia permanente dos actos sexistas, na repulsa a todos os actos e manifestacións de violencia contra as mulleres, e na vixilancia constante do cumprimento da lexislación en materia de igualdade por parte das administracións, dos medios, das empresas e da sociedade en xeral.

O Consello da Muller, presidido pola concelleira de Igualdade, está integrado por representantes de entidades e grupos feministas e de mulleres da cidade, representantes dos grupos políticos con representación municipal e representantes das Secretarías da Muller dos sindicatos con representación na nosa cidade.

DOCUMENTAL: Consello municipal da muller de Vigo - 25 anos facendo camiño

Un documental que retrata os logros dos últimos 25 anos do Consello Municipal da Muller de Vigo, organismo pioneiro en España que serviu de referencia para outros e que forma parte da historia do feminismo da cidade. Trázanse os momentos decisivos por medio de material de arquivo e entrevistas ás asociacións de mulleres e secretarías da muller de sindicatos hoxe inscritas. Unha mirada ao pasado que reflexiona tamén sobre o presente e o futuro das últimas manifestacións do 8M.

Máis información: www.igualdadevigo.org

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100