Participación cidadá
As disposicións regulamentarias son os textos legais que o concello redacta e cos que intervén na actividade da cidadanía. Maniféstanse baixo dúas formas: o regulamento e a ordenanza. Poden tratar dunha ampla diversidade de temas dentro das competencias municipais, por exemplo, a convivencia cidadá, o medio ambiente ou o urbanismo.
Vías de participación:
A través dos procedementos de:
Consulta previa á elaboración de disposicións regulamentarias:
Con carácter previo á elaboración da norma, faise unha consulta pública a través de internet no Punto de acceso para facilitar a participación pública no procedemento de elaboración de normas
Pode prescindirse deste trámite cando as disposicións regulamentarias sexan de carácter orzamentario ou organizativo, cando non se impoñan obrigas relevantes aos destinatarios, cando regulen aspectos parciais da materia ou cando graves razóns de interese público así o xustifiquen.
Publicación previa:
Sen prexuízo da consulta previa, cando a norma afecte a dereitos e intereses lexítimos das persoas, publicarase o texto no portal web co obxecto de dar audiencia aos cidadáns afectados e recadar cantas achegas adicionais poidan facerse por outras persoas ou entidades. Tamén poderá recollerse directamente a opinión das organizacións ou asociacións recoñecidas por lei que agrupen ou representen ás persoas cuxos dereitos ou intereses lexítimos se viran afectados pola norma e cuxos fins garden relación directa co seu obxectivo.
Aprobación das disposicións regulamentarias:
O procedemento de aprobación dos regulamentos e ordenanzas municipais iníciase coa súa presentación ao Pleno para debate e votación. Darase a aprobación inicial do texto cando se acade unha maioría simple dos votos emitidos.
O texto aprobado definitivamente exponse á cidadanía para exame e aporte de achegas.
Prazo de exposición ao público e para presentar reclamacións e suxestións:
O prazo para presentar será dun mínimo de 30 días hábiles a partir do día seguinte á publicación do anuncio de exposición no boletín oficial da provincia de Pontevedra (BOPPO). Son días hábiles todos os días menos os sábados, os domingos e os declarados festivos.
O texto provisional da ordenanza ou regulamento exponse no taboleiro de anuncios do concello.
Resolución das reclamacións e das suxestións:
Todas las achegas cidadás presentadas en prazo son avaliadas e se son tidas en conta, incorpóranse ao texto definitivo. Este texto modificado é presentado de novo ao Pleno, que o aprobará de decidilo así a maioría simple dos votos emitidos.
Se non existiran reclamacións ao texto aprobado provisionalmente, tórnase en definitivo sen precisar de nova votación.
Entrada en vigor:
O regulamento ou ordenanza definitivamente aprobado será publicado no boletín oficial da provincia de Pontevedra na súa totalidade e non entrará en vigor ata que transcorran 15 días hábiles a partir do día seguinte da data de publicación.
Reclamacións ante o texto definitivo da ordenanza:
Cando o texto da ordenanza fora aprobado e publicado definitivamente, non cabe a presentación de reclamacións ante a administración municipal. Deberá acudirse aos tribunais ordinarios para interpor recurso contencioso-administrativo na forma e prazos que dispoña a lei.
Concello de Vigo
Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100