Medio Ambiente
O Concello de Vigo lanza unha campaña de educación ambiental innovadora sobre a tenza responsable dos animais
Para festexar o Día Mundial dos Animais 2023 e visibilizar o abandono animal trala despedida das grandes vacacións de verán, o alcalde de Vigo Abel Caballero presenta unha campaña de concienciación ambiental a través do libro ilustrado infanto-xuvenil “Urco, unha historia reciclada”. Esta iniciativa única en España busca concienciar sobre o abandono animal e promover a adopción responsable de animais en Vigo. A campaña vai dirixida aos centros escolares para impulsar a concienciación dende a infancia e ás clínicas veterinarias da cidade.
“Urco, unha historia reciclada" é moito máis que un simple libro ilustrado. Basado na historia real dun can chamado Urco, a través das súas páxinas fermosamente ilustradas, as nenas e nenos serán transportados nun percorrido emocional onde descubrirán os desafíos e o anhelo dun can abandonado para atopar o seu fogar.
O que fai de "Urco, unha historia reciclada" algo especial é que foi creado pola ilustradora Ángela Costas utilizando materiais reciclados, como bolsas de lixo, tapóns, redes de froitas e vexetais, envases de leite entre outros. Esta elección destaca a importancia da sustentabilidade e do coidado do medio ambiente, mostrando como os materiais reciclados poden transformarse nunha obra de arte que transmite unha mensaxe poderosa.
A campaña de adopción "Urco, unha historia reciclada" gaña aínda máis relevancia neste momento, na despedida da tempada estival, unha época na que desafortunadamente producíronse moitos abandonos de mascotas. Co aumento das viaxes e os cambios na rutina familiar, moitos cans quedaron sen fogar e sen o coidado e o amor que merecen.
O libro "Urco, unha historia reciclada" da escritora Soledad García busca concienciar sobre a importancia da adopción responsable e animar ás persoas a considerar a adopción dun animal do refuxio municipal en lugar de mercalo. A concellería de Medio Ambiente esperta con esta iniciativa a necesidade de dar unha segunda oportunidade aos cans e gatos abandonados no refuxio municipal da Madroa e promover unha convivencia responsable.
Con esta iniciativa Vigo é a cidade pioneira en lanzar a primeira campaña de concienciación cidadá no respecto aos animais e contra o seu abandono e maltrato, trala entrada en vigor o pasado venres da nova Lei 7/2023, de 28 de marzo, de protección dos dereitos e o benestar dos animais.
Os exemplares de “Urco, unha historia reciclada” ofreceranse como parte do paquete de adopción. Deste xeito, as familias que decidan dar un fogar a un animal do refuxio tamén recibirán esta fermosa historia en forma de libro, inspirándoos aínda máis a brindar un fogar a un compañeiro canino ou felino.
O libro de Urco contén actividades para aprender os coidados dun animal e xogar en familia. Será entregado a todos os colexios que o soliciten converténdose nun instrumento educativo clave para traballar a importancia do consumo responsable de animais. Asemade, en coordinación ca concellería de Educación, como complemento á campaña, realizarase unha charla informativa sobre os coidados responsables dos animais nos colexios que o soliciten, previa petición por escrito no Rexistro Xeral do Concello dirixida á concellería de Medio Ambiente.
Asemade, invítase a todas as nenas e nenos que veñan visitar o servizo de Medio Ambiente sito no segundo andar do Concello de Vigo para coñecer o departamento que se encarga de protexer as praias da cidade acadando 12 galardóns Bandeira Azul este ano, da conservación dos sistemas dunares obtendo a figura de protección máis importante de Galicia no sistema dunar de O Vao-Baluarte, de organizar servizos tan importantes nas praias como son o salvamento e o socorrismo e a asistencia sanitaria para as persoas con mobilidade reducida, o departamento encargado de balizar as praias, de controlar as verteduras aos ríos, de regular as condicións da tenza responsable de animais, de esterilizar a máis de 8000 gatos rueiros, de recoller o aceite frito usado para evitar contaminación, de protexer as persoas contra as agresións producidas polos ruídos e vibracións, de declarar as zonas acústicamente saturadas e as zonas protexidas, de crear as hortas escola en puntos estratéxicos da cidade, de controlar os brañais e as zonas húmidas para protexelas, de crear o programa Camiño a Camiño cunha extensa variedade de actividades de sensibilización ambiental e o programa de voluntariado ambiental, e de crear os espazos de esparexemento canino para poder xogar cos animais soltos, entre outros moitos menesteres.
A campaña “Adóptame en Vigo” tamén gozará de visibilidade nos parques caninos de Pontenova e García Picher e na praia canina de Calzoa-Foz Esquerda, nos que se actualizarán os paneis informativos e poderá descargarse o código QR co formulario de adopción e a listaxe actualizada dos animais abandonados que se atopan no refuxio municipal.
Si estás interesado en formar parte de cámpaña “Adóptame en Vigo” e coñecer a historia de "Urco, unha historia reciclada", descarga a listaxe de animais do refuxio nos seguintes enlaces. Esperan por ti!
Concello de Vigo
Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100