Cultura
A súa construción xorde para albergar a casa comercial Viúva e Fillos de Simeón García, ademais de vivendas nos andares superiores con entrada polas fachadas laterais.
O edificio ten tres andares dos cales o derradeiro é amansardado. A planta baixa, dedicada ao comercio, amosa un carácter suntuoso e monumental cunha excelente cantería en granito.
A fachada principal presenta unha composición ecléctica de carácter francés organizada a través dun corpo central rematado cunha cúpula. Nela sitúase a entrada ao centro comercial a través dun fermoso soportal, sendo a que presenta unha maior profusión decorativa nos balcóns avultados no remate do corpo central, cun arco de medio punto peraltado. As fachadas laterais presentan tamén unha composición ecléctica cunha alternancia de vans.
A decoración, elaborada en granito, é de aire modernista cunha variada representación de flora e fauna. Os elementos decorativos sitúanse sobre todo nos sobrelinteis, claves, ménsulas, remates das pilastras, balcóns, etc. É importante destacar, en canto á decoración, o tratamento do rostro da muller, que aparece enmarcado en decoración vexetal na clave do van central inferior así como o remate das pilastras, no que aparecen pombas e formas vexetais e as gárgolas de formas monstruosas.
Por último cabe destacar tamén o emprego do ferro con fomas curvilíneas sobre todo nos balcóns, que nos recordan ó estilo Art Nouveau.
Concello de Vigo
Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100