Vigo
Vigo ten unha poboación de case 300.000 habitantes aínda que, en realidade, a diario viven, traballan e estudan nesta cidade case medio millón de persoas, representando o 32% da poboación da provincia de Pontevedra e o 12% da poboación de Galicia.
Ademais de ser a cidade máis poboada de Galicia, é tamén a que maior fluxo migratorio rexistrou en toda a súa historia. Polo porto saíron, no pasado, centos de miles de emigrantes cara a América, pero tamén ducias de miles quedaron aquí e fixeron súa esta cidade axudando a construíla.
Vigo é unha urbe moi nova. A súa carta de cidadanía data de 1810 e o gran desenvolvemento urbano e demográfico produciuse no século XX, no que multiplica por vinte a súa poboación.
A cidade de Vigo está situada na metade da ría, á que dá o seu nome. A Ría de Vigo é a que está máis ao sur das Rías Baixas e, sen dúbida, a de maior beleza. Dende as Illas Cíes até a enseada de San Simón, abríndose tras o estreito de Rande, no longo esteiro vigués esparéxense pintorescas vilas mariñeiras presididas pola urbe olívica, coñecida como “A Porta do Atlántico”. Os seus maiores atractivos son a gran cantidade de praias que posúe e as súas estupendas instalacións para os deportes náuticos e rutas pola ría.
O municipio, de 110km2, esténdese sobre unha orografía moi accidentada. Presidido polo monte do Castro e o monte da Guía, o seu perfil sinuoso xera as pintorescas costas do seu núcleo histórico e os magníficos miradoiros que, coa ría de protagonista, lle ofrecen ao visitante estampas de prodixio. Nesta superficie mestúrase unha consolidada estrutura urbana cunha morea de parroquias rurais.
Xeralmente soleada, con veráns cálidos pero non sufocantes, Vigo goza dun microclima dentro de Galicia.
Concello de Vigo
Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100