Arquivo municipal

Día Internacional dos Arquivos

Co gallo da celebración do Día Internacional do Arquivos, o Arquivo municipal de Vigo, en colaboración co Arquivo da Deputación de Pontevedra, pon a disposición da cidadanía os catálogos dos seus fondos documentais de carácter patrimonial a través do portal Atopo.

Día internacional archivo

Na Declaración Universal sobre os Arquivos, aprobada na Asemblea Xeral do Consello Internacional de Arquivos de setembro de 2010 (Oslo), establécese que "os arquivos custodian decisións, actuacións e memoria. Os arquivos conservan un patrimonio único e irremprazable que se transmite de xeración en xeración. Os documentos son xestionados nos arquivos desde a súa orixe para preservar o seu valor e o seu significado. Os documentos son fontes fiables de información que garanten a seguridade e a transparencia das actuacións administrativas. Xogan un papel esencial no desenvolvemento da sociedade contribuíndo á constitución e salvagarda da memoria individual e colectiva. O libre acceso aos arquivos enriquece o noso coñecemento da sociedade, promove a democracia, protexe os dereitos dos cidadáns e mellora a calidade de vida."

En liña con estas afirmacións, o Arquivo municipal, a través desta actuación, posibilita o libre acceso e consulta ás descricións arquivísticas realizadas durante o proceso de reorganización dos seus fondos documentais, garantindo a liberdade de acceso aos arquivos de carácter público e patrimonial, así como a difusión dos mesmos.

Estes fondos testemuñan a historia e evolución da urbe e da súa contorna, constituíndose como a memoria escrita da localidade. Como parte do patrimonio cultural, confórmase como unha das principais fontes de información, proporcionando evidencias significativas do desenvolvemento económico, político, social e cultural da cidade. Caracterízanse pola súa ampla variedade temática e tipolóxica, a súa diversa procedencia e unha cronoloxía extensa que abrangue desde finais do século XIV até o século XX.

Así, podemos encontrar fondos de carácter familiar ou nobiliario como o Marquesado de Valadares (1532-1934) e o Marquesado de Mos e Valadares (1378-1969), nos que podemos destacar a documentación referida á xestión patrimonial como os foros, censos, apeos ou os documentos derivados do cobro das rendas forais. Esta documentación ten un grande valor histórico que nos permite coñecer a sociedade e economía do período do Antigo Réxime. Ademais, tamén se custodia o fondo da Obra Pía da Familia Coronel (1563-1850), unha das grandes familias xudeoconversas do sur de Galicia, onde podemos destacar os censos consignativos e preitos relativos a estes mesmos bens. Por tanto, esta documentación é de grande utilidade para as investigacións en torno aos xudeoconversos da época moderna, permitindo caracterizar as súas prácticas económicas e de ennobrecemento e as súas relaciones familiares e sociais.

Día internacional archivo

Outro grupo de fondos son aqueles relacionados coas institucións relixiosas da cidade como son a Capela do Castro (1659-1950) e a Colexiata de Santa María de Vigo (1578-1931). Trátase de dous fondos de escaso volume pero cun gran valor histórico e patrimonial nos que podemos destacar a documentación de carácter económico e contable. Ademais, estes fondos testemuñan as relacións existentes ao longo da historia entre as institucións eclesiásticas e as institucións públicas como pon de manifesto á pertenza do Concello aos padroádegos respectivos.

Porén, o Concello de Vigo non só estará presente nos padroádegos destas dúas institucións relixiosas senón que tamén actuará como patrón noutras dúas entidades como son a Escola de Nenos (1803-1843) e o Hospital de Pobres (1724-1887). Así, podemos observar como a corporación estaba presente nestes establecementos de carácter benéfico e asistencial, a través dos que podemos estudar as cuestións referidas á educación e á sanidade da vila durante o tránsito do Antigo Réxime ao sistema liberal decimonónico.

Outras institucións de orixe privada nas que o Concello participará activamente, até se converter en entidades de carácter público dependentes da administración local, serán a Banda de Música (1883-1983) e a Escola de Artes e Oficios (1886-1993). Estas dúas institucións terán unha grande pegada na cultura e sociedade viguesa, conformándose como dúas entidades de grande importancia no ámbito musical e formativo da localidade.

Día internacional archivo

Día internacional archivo

Por outra parte, tamén podemos encontrar fondos que testemuñan a evolución da administración local durante o século XIX e XX a través da documentación producida polos extintos concellos de Bouzas e Lavadores. Destes fondos podemos destacar as series dos libros de actas do Pleno e da Comisión Municipal Permanente, así como os expedientes orzamentarios, patrimoniais ou aquela documentación referida aos expedientes de quintas e recrutamento.
Finalmente, e froito desta colaboración entre as dúas institucións arquivísticas, a cidadanía xa pode acceder na rede ás copias dixitalizadas do Boletín Oficial de Galicia (1833) e do Boletín Oficial da Provincia de Vigo (1840) que complementan á colección do Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra. A través destas publicacións podemos observar a evolución das institucións provinciais durante o século XIX e o establecemento do réxime liberal e das súas administracións locais e provinciais.

Arquivo municipal de Vigo.

Servizo do Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra.

Portal Atopo.

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100