Igualdade

Dereitos das mulleres vítimas da Violencia de Xénero

Para coñecer se reúnes os requisitos establecidos, para ter dereito a algunha das axudas descritas a continuación, será conveniente que acudas ao Centro Municipal de Información dos dereitos da Muller.

1. Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero: Lei Orgánica 1/2004As mulleres vítimas de violencia de xénero teñen unha serie de dereitos que están recollidos na Lei Orgánica 1/2004, de 28 decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero:

Dereito á información

Tes dereito a recibir toda a información tanto no momento de presentar unha denuncia como posteriormente cando se te notifique a resolución de adopción de medidas de protección.

Dereito á asistencia social integral que abarca os seguintes aspectos:

  • Información
  • Atención psicolóxica
  • Apoio social
  • Seguimento das reclamacións dos dereitos da muller
  • Apoio educativo
  • Formación preventiva nos valores de igualdade
  • Apoio á formación e inserción laboral.

Dereito a asistencia xurídica gratuíta

Se tes insuficientes recursos, tes dereito á defensa e representación gratuítas por avogado ou avogada e procurador ou procuradora en todos os procesos e procedementos administrativos que teñan causa directa ou indirecta na violencia padecida.

Volver ao Inicio

Dereitos laborais

Tes dereito, nos termos previstos no Estatuto dos Traballadores, á:

- Redución de xornada e reordenación do tempo de traballo: Tes dereito a unha redución da xornada, horario flexible ou adaptación ao horario, nos termos do Convenio Colectivo, ou de acordo coa empresa.

- Mobilidade xeográfica. Se tes que abandonar o posto de traballo na localidade onde traballas, para facer efectiva a túa protección ou o teu dereito á asistencia social integral, tes dereito a ocupar outro posto de traballo, do mesmo grupo profesional ou categoría que a empresa teña vacante en calquera outro dos seus centros de traballo.

- En relación coa suspensión e a extinción do contrato de traballo, tes dereito:

  • A que se consideren “xustificadas” as ausencias ou faltas de puntualidade, motivadas pola túa situación física ou psicolóxica.
  • Á suspensión do contrato por 6 meses (renovable), con dereito a desemprego e á cotización do período. A non ser despedida polo uso destas medidas.
  • A extinción do contrato, coa protección do desemprego.
  • Traballadoras por conta propia. Se te atopas neste caso e te ves na necesidade de cesar na túa actividade para facer efectiva a túa protección ou o teu dereito a asistencia social integral suspenderásete a obriga de cotizar durante un período de 6 meses, que serán considerados como de cotización efectiva a efectos das prestacións da Seguridade Social. Así mesmo, a túa situación será considerada como asimilada ao alta.

Volver ao Inicio

Dereitos relativos á protección da Seguridade Social

Nos termos previstos na Lei xeral da seguridade social, a suspensión e a extinción do contrato de traballo previstas no apartado anterior, darán lugar á situación de desemprego. O tempo de suspensión considerarase como período de cotización efectiva a efectos das prestacións de Seguridade Social e de desemprego.

Dereitos económicos

- Tes dereito a recibir unha axuda de pago único se careces de renda superior, en cómputo mensual, ao 75% do salario mínimo interprofesional e sempre que se presuma que polas túas circunstancias persoais terás dificultades para obter un emprego. Esta axuda será o equivalente a ao de seis meses de subsidio por desemprego pero a contía poderá ser superior se tes algunha discapacidadeou se tes responsabilidades familiares. Estas axudas son compatibles coas previstas na Lei de axudas e asistencia ás vítimas de delitos violentos e contra a liberdade sexual.

- Acceso á vivenda e residencias públicas para maiores. Polas túas circunstancias, estarás dentro dos colectivos prioritarios no acceso á vivenda protexida e residencias públicas para maiores.

Incentivos e fomento para o emprego das vítimas de violencia de xénero

Isto levarase a cabo a partir de políticas formativas e bonificacións a empresas que contraten a vítimas de violencia, así como programas de acción específico de emprego para favorecer a actividade por conta propia cando sexan demandantes de emprego.

Volver ao Inicio

Recursos e prestacións socioeconómicas:

Existen axudas ás que poden acollerse as vítimas de violencia de xénero, e que se poden consultar no seguinte enlace, con información detallada dos requisitos e forma de solicitude:

Recursos e prestacións socio-económicas

Non obstante, hai ter en conta que cada unha delas ten os seus propios requisitos (como por exemplo, atoparse nunha determinada situación económica ou familiar) e que ademais algunhas son incompatibles entre si ou existe un determinado número de veces ás que se pode acceder a elas.

Por isto, se estás interesada en solicitar algunha destas axudas, é recomendable que acudas ao Centro de Información dos Dereitos da Muller, e pidas unha cita para recibir unha información actualizada e personalizada, adecuada ás circunstancias persoais concretas.

Centro de Información dos Dereitos da Muller:

  • Rúa Romil, 20, baixo, 36202 Vigo
  • Teléfono: 986 293 963
  • Fax: 986 201 153
  • Horario: luns a venres de 9.00 a 13.30 horas, xoves de 15 a 18 horas.

Volver ao Inicio

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100