Cultura
A Fundación Pedro Barrié de la Maza é unha entidade sen ánimo de lucro, de carácter privado, dedicada a promover o desenvolvemento de Galicia desde unha perspectiva global. Desde a súa creación en 1966 por Pedro Barrié de la Maza a Fundación desenvolveu a súa actividade nas áreas da investigación, a cultura, a educación e os servizos sociais. O seu obxectivo foi deseñar iniciativas e proxectos que, anticipándose ás demandas sociais, abrisen camiños á acción doutras entidades, tanto públicas como privadas.
A implantación da Fundación en Vigo responde á súa vocación de entidade ao servizo de todos os galegos. É o seu obxectivo contar cunha presenza institucional e cun centro de actividade permanente na cidade máis poboada e de maior tradición industrial de Galicia, en estreita asociación co Banco Pastor.
O Centro de Vigo permite programar unha selección das mellores exposicións, concertos e seminarios da Fundación e do seu Instituto de Estudos Económicos, ampliando a distribución doutros servizos da Fundación como publicacións, bolsas e convocatorias de axudas sociais, investigadoras e culturais.
O edificio, obra do arquitecto vigués Manuel Goméz Román (1876 - 1964), foi a súa obra máis ambiciosa. Construído entre 1919 e 1923, como sede do Banco de Vigo, foi adquirido máis tarde en 1928 polo Banco Pastor; a Fundación inaugurouse o 28 de outubro de 2005.
A sede viguesa non só permite enriquecer substancialmente o programa de actividades da Fundación, grazas a un edificio emblemático e a un equipamento único, senón que, sobre todo, achega ao sur de Galicia os servizos que a Fundación presta nos ámbitos da educación, a investigación, a cultura e os servizos sociais.
Concello de Vigo
Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100