Xerencia Municipal de Urbanismo

Avaliacións ambientais de plans e proxectos

Avaliación Ambiental Estratéxica de Plans

A avaliación ambiental de plans e programas, tamén coñecida como avaliación ambiental estratéxica, é un instrumento que permite integrar os aspectos ambientais na elaboración e aprobación de plans e programas públicos para acadar un elevado nivel de protección do medio e promover o desenvolvemento sostible.

Lexislación de referencia
  • A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, establece o réxime xurídico aplicable á avaliación ambiental estratéxica de plans e programas.
  • Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.
  • Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.
  • Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
Ámbito de aplicación

Con carácter xeral, deben ser obxecto de avaliación ambiental estratéxica todos os plans e programas, así como as súas modificacións, que adopte ou aprobe unha administración pública e que ademais a súa elaboración e aprobación estea esixida por unha disposición legal ou regulamentaria ou por acordo do Consello da Xunta.

A Lei 21/2013, do 9 de decembro, distingue dous tipos de avaliación ambiental estratéxica:

  • Ordinaria. Cando con carácter xeral se presume que un plan terá efectos significativos sobre o medio e, polo tanto, debe ser avaliado antes da súa aprobación, adopción ou autorización.
  • Simplificada. Cando é necesario que o órgano ambiental determine se un plan ten efectos significativos sobre o medio, segundo os criterios establecidos no anexo V. Se conclúe que o plan ten efectos significativos sobre o medio deberá tramitarse o procedemento ordinario.

A Lei 2/2016, do 10 de febreiro, establece tamén, con carácter sectorial, o planeamento urbanístico que debe ser obxecto de avaliación ambiental estratéxica.

Procedementos
  • Procedemento ordinario. A Lei 21/2013, do 9 de decembro, describe no capítulo I do título II, sección 1ª, o procedemento administrativo aplicable á avaliación ambiental estratéxica ordinaria de plans e programas.
  • Procedemento simplificado. A Lei 21/2013, do 9 de decembro, describe no capítulo I do título II, sección 2ª, o procedemento administrativo aplicable á avaliación ambiental estratéxica simplificada de plans e programas.

Prazos

Os distintos trámites do procedemento administrativo, a emisión de informes, así como o período de información pública e consultas, están suxeitos aos prazos establecidos na Lei 21/2013, do 9 de decembro, e na Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

Órgano ambiental

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático
Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade
San Lázaro s/n – 15781 Santiago de Compostela.

Promotor

Calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada, que pretenda elaborar un plan ou programa dos contemplados no ámbito de aplicación da Lei 21/2013, do 9 de decembro, con independencia da administración que no seu momento sexa competente para a súa adopción ou aprobación.

Órgano substantivo

Órgano da administración pública que ostenta as competencias para adoptar ou aprobar un plan ou programa.

Documentos

  • Solicitude de inicio da avaliación ambiental estratéxica. O promotor deberá presentar ante o órgano substantivo, xunto coa documentación esixida pola lexislación sectorial e a Lei 21/2013, do 9 de decembro, unha solicitude de inicio de avaliación ambiental estratéxica correspondente (ordinaria ou simplificada), motivando a aplicación do procedemento.
  • Borrador de plans de desenvolvemento urbanístico. O borrador dos instrumentos de desenvolvemento urbanístico conterá a información escrita e gráfica suficiente que permita debater sobre os seus criterios, obxectivos e solucións xerais.
  • Documento inicial estratéxico (DIE). A solicitude de inicio da avaliación ambiental estratéxica ordinaria dun plan ou programa debe remitirse ao órgano substantivo, xunto coa documentación esixida pola lexislación sectorial, o borrador do plan ou programa e un documento inicial estratéxico (DIE). A Lei 21/2013, do 9 de decembro, establece no artigo 18 o contido que debe ter, como mínimo, o documento inicial estratéxico.
  • Documento ambiental estratéxico (DAE). A solicitude de inicio da avaliación ambiental estratéxica simplificada dun plan ou programa debe remitirse ao órgano substantivo, xunto coa documentación esixida pola lexislación sectorial, o borrador do plan ou programa e un documento ambiental estratéxico (DAE). A Lei 21/2013, do 9 de decembro, establece no artigo 29 o contido que, como mínimo, debe ter o documento ambiental estratéxico.
  • Estudo ambiental estratéxico. No procedemento de avaliación ambiental ordinaria de plans e programas debe elaborarse un estudo ambiental estratéxico tendo en conta o documento de alcance formulado polo órgano ambiental. O estudo ambiental estratéxico considérase parte integrante do plan ou programa. A Lei 21/2013, do 9 de decembro, establece no anexo IV o contido mínimo que debe ter o estudo ambiental estratéxico.
Información cartográfica

A elaboración e presentación da documentación gráfica dos instrumentos de planeamento urbanístico débense adecuar ao disposto nas “Normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia”. Entre outros aspectos, ditas Normas técnicas regulan os criterios, formatos e contidos a ter en conta durante a elaboración dos diferentes documentos que compoñen os instrumentos de planeamento; harmonizan a estrutura e codificación dos documentos dixitais; establecen os aspectos técnicos requiridos para a elaboración da cartografía temática urbanística en soporte SIG e para o seu tratamento informático; e regulan a elaboración da base cartográfica que sirva de soporte para o planeamento, cando a cartografía oficial do Instituto de Estudos do Territorio non estea suficientemente actualizada ou detallada para o ámbito afectado.

Normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia | Portal de Territorio e Urbanismo

Participación Pública
A Lei 21/2013, do 9 de decembro, en relación co procedemento (ordinario ou simplificado) de avaliación ambiental estratéxica de plans e programas, establece a obriga para o órgano ambiental de consultar ás administracións afectadas e ás persoas interesadas.

Co obxecto de favorecer a transparencia da tramitación e a participación cidadá, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, fai extensivas as consultas ao público en xeral.

Plans con período de consulta aberto - CMAOT

Plans en tramitación - CMAOT

Avaliación do Impacto Ambiental de Proxectos

O procedemento de avaliación de impacto ambiental de proxectos é un instrumento necesario para a preservación dos recursos naturais e a defensa do ambiente, xa que introduce a variable ambiental na toma de decisións sobre os proxectos con importante incidencia no medio.

Lexislación de referencia

A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, establece o réxime xurídico aplicable á avaliación de impacto ambiental de proxectos.

Ámbito de aplicación

Con carácter xeral, o procedemento de avaliación de impacto ambiental aplícase a proxectos, tanto públicos como privados, que consisten en realizar obras, instalacións ou calquera outra actividade con efectos ambientais significativos. A Lei 21/2013, do 9 de decembro, distingue dous procedementos: a avaliación de impacto ambiental ordinaria e a avaliación de impacto ambiental simplificada.

Documentos
  • Solicitude de inicio. O promotor deberá presentar ante o órgano substantivo, xunto coa documentación esixida pola lexislación sectorial e a Lei 21/2013, do 9 de decembro, unha solicitude de inicio de avaliación de impacto ambiental correspondente (ordinaria ou simplificada), motivando a aplicación do procedemento.
  • Documento inicial. Os proxectos que se someten ao procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria deberán incluír no documento inicial a información establecida no artigo 34.2 da Lei 21/2013.
  • Documento ambiental. Os proxectos que se someten ao procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada deberán incluír no documento ambiental a información establecida no artigo 45.1 da Lei 21/2013.
  • Estudo de impacto ambiental. Os proxectos que se someten ao procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria deben incluír un estudo de impacto ambiental co contido establecido no artigo 35 e anexo VI da Lei 21/2013.
Autorización ambiental integrada

Cando se realice o trámite de avaliación de impacto ambiental dentro do trámite de obtención da autorización ambiental integrada (IPPC), o contido do estudo ambiental poderá integrarse como un único documento.

Estudo de impacto e integración paisaxística

A entidade promotora dun proxecto sometido a avaliación ordinaria debe incorporar un estudo de impacto e integración paisaxística, conforme á lexislación vixente.

Guía de Estudos de Impacto e Integración Paisaxística - CMAOT

Participación Pública

A participación pública permite aos cidadáns contribuír na elaboración de proxectos que poidan afectar ao ambiente.

Listaxe proxectos - CMAOT

Declaración ambiental
  • Declaración de impacto ambiental (DIA). No seguinte enlace pódense consultar as DIA emitidas:

Resolucións da avaliación ambiental de proxectos - CMAOT

  • Informe de impacto ambiental (IIA). O órgano ambiental resolverá se o proxecto debe someterse a avaliación ordinaria, se non ten efectos significativos ou se se arquiva por falta de elementos de xuízo.

Resolucións da avaliación ambiental de proxectos - CMAOT

Cargando recomendacións
 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100