Debido ás duras condicións ambientais que reinan nas illas Cíes (vento, insolación, sequedade, escaseza de nutrientes, salinidade...), o número de especies de plantas, árbores, etc. que aquí habitan é escaso; non obstante o seu valor ecolóxico é moi alto, por tratarse de especies exclusivas deste ecosistema e, sobre todo, por ser capaces de adaptarse a este tipo de ambiente tan hostil.
No arquipélago observamos especies desaparecidas no resto de Galicia.
Algunha das adaptacións que tiveron que levar a cabo as plantas son:
- Raíces moi fondas, na procura de auga subterránea.
- Pelos nas follas para evitar a desecación.
- Tecidos carnosos para almacenar auga.
- Cores claras para reflectir a luz solar.
- Bulbos ou rizomas nas raíces como reserva alimenticia.
- Presenza de bacterias fixadoras de nitróxeno atmosférico.
- Engrosamento dos tecidos como medio de defensa mecánica.
- Enrolamento das follas, evitando a evaporación.
Algunhas especies:
- Anxélica, herba do espírito santo ou raíz de longa vida (angelica archangelica): planta con talo groso bastante ramificado; as súas flores son branco-verdosas. Alcanza unha altura de entre 1.40 e 2.30 m. Nas Cíes, atópase nos cantís; pero é raro atopala en España. Ten diversas aplicacións terapéuticas.
- Armeria ou herba namoradeira (armeria pungens): arbusto de até 50 cm de alto. Atópase no suroeste da Península Ibérica, illas Cíes, sur de Portugal, Córsica e Cerdeña. En épocas pasadas, o clima da costa galega era máis cálido, o que permitiu a esta especie avanzar desde o sur; posteriormente retrocedeu debido á variación do clima.
- Barrón ou feo da praia (ammophila arenaria): planta perenne con talos de 60-120 cm de alto e dotada de rizomas. Grazas ás súas raíces, que poden chegar a máis de 4m de profundidade, é unha das primeiras colonizadoras das dunas.
- Camariña ou caramiña (corema album): arbusto de até 1m de altura bastante ramificado. Trátase dunha especie única do litoral occidental ibérico e Azores. Nas dunas das Cíes, atópase a maior e máis importante poboación de Galicia. Catalogada como especie vulnerable.
- Cardo de mar, cardo mariño ou cardo da ribeira (eryngium maritimum): planta perenne de até 60 cm. Destaca pola súa flor azul metálica. É típica das rexións costeiras de Europa.
- Correola rosa (convulvus althaeoides): planta perenne propia dos chans areosos. Pode alcanzar os 2,5 m. As súas flores son de cor rosa viño moi vistosas. Os seus talos enróscanse a outras plantas. Atópanse ao lado dos camiños.
- Carpaza ou tomiño branco (cistus salvifolius): arbusto de folla perenne que alcanza 1m de altura. A súa follaxe é aromática. Trátase dunha especie dos países mediterráneos. Soporta ben as fortes insolacións e, ademais, pode sobrevivir en chans pobres. Ten propiedades mediciñais como astrinxente e tamén cicatrizantes.
- Iberis (iberis procumbens): planta perenne sempre verde, de 20-30 cm de altura, con talo sufruticoso. Son moi resistentes á calor e á sequía; tamén soportan certo frío. Estas plantas son exclusivas do litoral meridional e occidental da Península Ibérica.
- Castiñeiro (castanea sativa): árbore de folla caediza, tronco groso e madeira dura. Pode pasar dos 30 m. Danse en todos os chans, pero prefiren os frescos e profundos. En Galicia cultívase polos seus froitos (base da alimentación galega, tanto de persoas como de animais, durante moito tempo) e pola súa madeira (base da construción galega, en portas, trabes, tellados, etc.).
- Abruñeiro (prunus spinosa l.): arbusto perenne, da familia das rosáceas. Xeralmente non pasa de mata ou arbusto, pero pode chegar a constituír unha pequena árbore de ata 6 m de altura. As súas flores son brancas e os seus froitos -os abruños- son de cor azul moi escura. Especie nativa de Europa e Oeste de Asia.
- Esparragueira (asparagus plumosus): planta rubidora de cor verde, con talos finos e verticais. Pode alcanzar os 5 m de altura. Ten a súa orixe en Sudáfrica. Utilízase moito en floristería como complemento na confección de arranxos florais.
- Eucalipto macho ou eucalipto medicinal (eucalyptus globulus): árbore perennifolia que pode alcanzar os 60m de altura. É sensible ás sequías prolongadas; prefire chans lixeiramente ácidos e frescos. É orixinario de Australia; existen máis de 300 especies de eucaliptos. Ten propiedades antisépticas, balsámicas, estimulantes, etc.
- Freixo común ou freixo europeo (fraxinus excelsior): árbore caducifolia cunha altura de 8 a 12 m (aínda que, nalgúns casos, pode alcanzar os 40m). Prefire as zonas frescas (con bastante humidade) xa que non tolera os climas secos e calorosos. As súas follas teñen propiedades diuréticas e laxantes, incluso antirreumáticas se se mesturan con outras plantas.
- Fiúncho mariño ou perexil de mar (crithmum maritimum): planta perenne de cor verde con talos flexibles, que mide entre 15 e 45 cm. Atópase en fendas e relanzos de cantís; ás veces tamén en zonas areosas, aínda que moi raramente. É moi rico en minerais e vitamina C. Era utilizado polos mariñeiros para loitar contra os escorbutos tras longas viaxes.
- Chaguazo (cistus monspeliensis): arbusto perennifolio de cor verde, de talle mediano, moi ramificado. As súas flores son brancas con 5 pétalos, de forma triangular e algo escotados na súa parte exterior. É pouco exixente en canto ao chan; soporta ben as xeadas e solainas.
- Nardo marítimo ou cebola das gaivotas (pancratium maritimum): planta perenne, de entre 30 e 70cm de alto, con raíz bulbosa. Soporta ben os longos períodos de sequía. Atópase nas Costas do Atlántico e do Mediterráneo. Antigamente empregábase como purgante.
- Piñeiro insigne ou de Monterrei (pinus radiata): árbore perennifolia (ou verde todo o ano) que alcanza unha altura de 30 a 40 m; a súa codia é de cor negra. Prefiren os climas suaves con abundante humidade atmosférica. Foron repoboados no arquipélago na década dos anos cincuenta. É orixinario de California -costa occidental dos Estados Unidos-. A súa madeira emprégase sobre todo na industria da celulosa.
- Piñeiro bravo (pinus pinaster): árbore perennifolia que alcanza os 30-40 m de altura; a súa codia é grosa e de cor castaña avermellada. A súa madeira non é de moita calidade, pero é un gran produtor de resina.
- Xesta mansa (Osyris alba): arbusto que alcanza un tamaño máximo de 2 m. As súas flores son de cor verdosa e o seu froito é unha drupa de cor vermella, do tamaño dun chícharo. Viven en zonas húmidas e soportan todo tipo de chans.
- Carballo (quercus pyrenaica): especie arbórea autóctona. Árbore de folla caduca que non adoita pasar dos 20 m de altura. O seu froito é a landra. Soporta moi ben as xeadas. Pode vivir entre 500 e 600 anos. É unha árbore escasa, pola tala abusiva e a competencia de especies foráneas.
- Tomiño bravo (helichrysum picardii virescens): pequeno arbusto que chega aos 50 cm de altura. Crece en todo tipo de chans e soporta bastante ben a sequía. É unha planta orixinaria das costas occidentais ibéricas, exclusivamente. Ten en Galicia o seu linde máis norteño. Posúe gran cantidade de propiedades medicinais.
- Toxo (Ulex europaeus): arbusto moi ramificado e espiñoso que pode alcanzar unha altura de 2 m. As súas flores son de cor amarela. Adáptase perfectamente a chans pobres e secos; prefiren os climas tépedos. Ten propiedades medicinais como diurético, antimigrañoso, etc.