As Illas Cíes

Ruta do Monte Faro

  • Distancia: 7 Km
  • Duración: 2h 30 min
  • Tipo de ruta: non circular
  • Dificultad: media

Partimos da caseta de información, tomamos o camiño da esquerda (que nos leva á illa do Faro) e cruzamos o dique que une ambas as illas. Desde o dique, se miramos cara ao lago e a visibilidade da auga o permite, podemos observar a gran variedade de peixes, crustáceos e algas que albergan estas augas. Unha vez na illa do Faro, pasamos o camping e chegamos ao Centro de Interpretación da Natureza (20 min). Neste centro podemos coñecer mellor os valores naturais e culturais do parque. A uns 300 m deste, á altura da praia de Nosa Señora, sitúase a encrucillada principal desta illa. Collemos o camiño da dereita e comezamos a subida en zigzag cara ao faro. Entre a espesa arboreda podemos albiscar, ao sur, a fermosa illa de San Martiño.

A media subida, se nos desviamos cara á dereita, poderemos contemplar a curiosa Pedra da Campá -perforada, co paso dos anos, pola forza dos ventos atlánticos cargados de salitre-. Se continuamos uns 100 m máis por este camiño chegaremos ao observatorio de aves (50 min), desde o cal poderemos observar os milleiros de gaivotas patiamarelas que aniñan nos cantís e mesmo, con sorte, algún grupo de cormoráns moñudos que se decantan polas zonas máis próximas ao mar para establecer os seus niños. Tamén gozaremos, desde aquí, dunhas impresionantes vistas do lago e da praia de Rodas.

De novo no camiño principal, continuamos a ascensión até a cima do monte. Enriba de todo atópase o Faro, o miradoiro máis emblemático das illas Cíes. Desde alí teremos unha panorámica do arquipélago no seu conxunto: as tres illas, os cantís, as praias, etc., e incluso da Ría de Vigo.

Desde esta ruta, podemos conectar coa ruta do faro da Porta. Segundo imos baixando, atoparémosnos -uns 200m antes de chegar á encrucillada que leva ao observatorio de aves- cun desvío cara á dereita que teremos que tomar.

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100