Oficina do Arquivo Municipal
- Enderezo: Praza do Rei s/n, 2º soto. 36202.Vigo
- Teléfono: 986 81 01 00 (Concello)
- Enderezo electrónico: ofi.arquivoxeral@vigo.org
- Horario: Luns a venres de 9 a 13:30 horas.
- Condicións de accesibilidade: Accesible para persoas con discapacidade.
O Arquivo municipal é o servizo especializado onde se reúnen, se custodian e se serven os fondos documentais, por medios e técnicas que lle son propias, con finalidades de xestión administrativa, proba dos dereitos e deberes da Administración e da cidadanía, investigación ou acceso á información e á cultura. Desta forma, o Arquivo municipal confórmase como o sistema corporativo de xestión documental que contribúe coa súa metodoloxía a definir os procesos de produción administrativa, garantindo a correcta creación dos documentos, o seu tratamento, conservación, acceso e comunicación.
Así pois, o Arquivo municipal ten asignadas tres funcións básicas e específicas:
- Impulsar sistemas de xestión de documentos dentro da Institución dirixidos a contribuír na consecución da economía, a celeridade e a eficacia en calquera xestión efectuada polas diferentes dependencias administrativas.
- Garantir o acceso á documentación, que implica, por un lado, organizar e describir a documentación de forma que a Institución e os cidadáns poidan consultala de forma fácil e rápida garantindo a protección dos datos de carácter persoal.
- Promover a protección e difusión do patrimonio documental, adoptando as medidas adecuadas para a preservación e seguridade da documentación custodiada nas súas instalacións e a súa divulgación en beneficio da cidadanía.
Por tanto, o Arquivo municipal convértese nunha ferramenta básica para a xestión diaria da Institución, que garante a eficiencia e a transparencia administrativa así como a preservación dos dereitos dos cidadáns. Ademais, constitúese como un equipamento cultural mediante o que conservar, organizar e difundir o patrimonio documental para o seu goce pola cidadanía.
Descrición de Institucións
Para acceder á documentación depositada no Arquivo municipal deberase remitir a seguinte solicitude de consulta. Ademais, tamén se poden consultar os catálogos informatizados dos fondos patrimoniais a través do portal Atopo.