Información
A parroquia de Coia-As Travesas é unha das máis populosas da cidade, con máis de 30.000 habitantes. Trátase dun núcleo eminentemente urbano, próximo ao centro de Vigo, que medrou a partir da creación dun polígono de vivendas nun dos antigos barrios de Bouzas nos anos 60, coa conversión de solo rural en terreo edificable.
O topónimo Coia é de orixe prerromana, posiblemente céltica, cun significado próximo a concavidade ou depresión no terreo.
O Real Club Celta de Vigo disputou aquí os seus primeiros encontros, no antigo campo de fútbol. En Coia hai varios colectivos cidadáns: as asociacións de veciños Camiño Vello e Cristo da Victoria, o comité de solidariedade Óscar Romero, a Asociación Xuvenil Luar e o Club Vigo Voleibol son algúns.
As Travesas era considerada tradicionalmente un dos límites de Vigo, onde se topaban as cocheiras dos tranvías. No predio do Carme tiña lugar un concurso de gando antes do 1936. No 1941 levantouse , na entón denominada praza de Travesas, hoxe praza de América, o instituto de ensino medio Santa Irene, por mor da doazón de Policarpo Sanz. O reloxo do belo edificio, obra do arquitecto Manuel de Cominges, é o que marca o inicio do novo ano, na festa popular da noite do 31 de decembro.
O lugar das Travesas (pertencente a Coia) ten unha orixe agraria na súa denominación. Aparece no testemuñado no s. XVI. As Travesas fai referencia a leiras atravesadas, postas en perpendicular con respecto a outras: As (leiras) Travesas, segundo opina Iván Sestay no seu libro sobre a toponimia de Coia.
O calendario festivo local inclúe as Festas da Consolación, a comezos de xullo, e as Festas de San Martiño, entre o 10 e o 20 de novembro.
Máis información en:
- AA.VV. de Coia
Concello de Vigo
Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100