Medio Ambiente

Espazos protexidos

Espacio natural de interés local (ENIL) - complexo duna e areal de O Vao e Baluarte

Os areais de O Vao e Baluarte son un referente nos procesos de recuperación ambiental dos sistemas dunares degradados. De feito, foi un gran sistema dunar sometido a unha forte presión na década dos 80, aínda que tras a tenacidade e loita do servizo de Medio Ambiente do Concello de Vigo nos últimos anos logrou recuperarse e lograr o distintivo Espazo Natural de Interese Local.

O Espazo Natural de Interes Local do Vao-Baluarte está situado nos areais de O Vao e Baluarte. O espazo está integrado no ámbito de aplicación do Plan de Ordenación do Litoral de Galicia, na unidade de paisaxe de Canido, e dentro das áreas continuas de protección costeira e mellora ambiental e paisaxística.

O seu ámbito abarca unha lonxitude lineal ao carón da beira do mar de 780 metros e unha superficie de 11,40 hectáreas.

O complexo Duna e Areal de O Vao e Baluarte, constitúe un conxunto paisaxístico que recolle hábitats naturais de interese comunitario que son representativos das dunas marítimas atlánticas.

Alberga unha representación diversa de especies, con comunidades vexetais como as dunas móbiles embrionarias, colonizadoras de primeira liña; as dunas móbiles costeiras na segunda banda do sistema dunar e as dunas costeiras fixas, con vexetación herbácea e pequenos arbustos resistentes á influencia do vento mariño.

Con respecto á fauna, o ENIL acolle diversas especies entre as que destacan as aves e, entre elas, o corvo mariño moñudo, a garza real, a garzota, a gaivota de cabeza negra e o gavión atlántico. Máis ocasionalmente, tamén se atopan exemplares de charrán patinegro, mazarico galego, archibebe común e andarríos mozo, entre outros.

A Xunta de Galicia declarou definitivamente Espazo Natural de Interese Local (ENIL) ao Complexo Duna e Areal de O Vao e Baluarte, en Vigo e aprobou o Plan de conservación, unha declaración que se aplica a aqueles lugares que polas súas singularidades son merecedor dalgún tipo de protección dos valores naturais que atesouran.

Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 29 de setembro de 2020 pola que se declara definitivamente como espazo natural de interese local o Complexo Duna e Areal de O Vao-Baluarte

Este ENIL é o primeiro que se declara de forma definitiva no Concello de Vigo, e o sexto de toda Galicia. Con esta figura de protección, o Concello de Vigo, como promotor da solicitude e responsable da súa xestión, pon en práctica todas as medidas necesarias para garantir a conservación dos valores naturais que representa, que se respecten os usos e actividades permitidas e as limitacións necesarias para favorecer a súa conservación. Esta declaración tamén dá preferencia no acceso e obtención de axudas destinadas a garantir a preservación e mellorar a xestión da zona, tarefas de restauración e conservación dos hábitats dunares, a eliminación de especies invasoras, xestión do uso público e mantemento do ENIL, potenciación da conectividade do espazo co contorno, e protección da paisaxe. Tamén se prevén accións de divulgación, educación ou ampliación do coñecemento científico.

O plan de conservación, redactado polo Concello para un período inicial de 6 anos fixa a normativa e as medidas de xestión necesarias para garantir a conservación dos valores naturais presentes neste espazo natural.

Decreto 176/2020, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivineda do 8 de outubro, por o que se aproba o Plan de conservación do espazo natural de interese local Complexo Duna e Areal de O Vao-Baluarte

Axudemos a conservar as especies e hábitats presentes neste espazo!!

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100