Concello

Saúdo do Alcalde

Amigos e amigas,

Benvid@s á páxina web do Concello de Vigo, unha visita virtual que pon nas túas mans todos os servizos e posibilidades que ofrece esta dinámica e atractiva cidade.

Vigo naceu cara ao mar. Porque o mar foi por historia a nosa fonte de alimento, é a orixe da nosa riqueza e ten que ser elemento de cohesión imprescindible para o noso desenvolvemento futuro. Escoltada pola Ría e un cinto verde que nos sitúa nun marco natural incomparable, a cidade conta con todas as posibilidades para que a calidade de vida dos seus habitantes estea entre as mellores do mundo.

Coñecida é a enorme capacidade de Vigo na súa faciana económica e industrial. O naval, o granito, a automoción e, como non, a pesca sentan as bases da economía máis potente de Galicia e unha das máis importantes de España, e cunha marxe de crecemento moi ampla. E grazas á iniciativa e dinamismo das súas xentes.

Un potencial económico que converteu a Vigo na primeira cidade de Galicia, atendendo a indicadores poboacionais, sociais, industriais, empresariais, comerciais e de emprego. A cidade olívica aglutina todos os requisitos que a converten nunha oportunidade única de negocio, recoñecida nacional e internacionalmente.

Esta urbe acolle os acontecementos profesionais e empresariais máis relevantes, como a Feira Mundial da Pesca, que permiten a Vigo situarse no epicentro dos fluxos comerciais internacionais; apoiada na súa localización estratéxica, eixo da Eurorrexión Galicia Norte de Portugal, a máis importante de Europa, e porta de entrada do Atlántico ao vello continente.

O noso proxecto de cidade contén todas estas características, e procura ademais dotar a Vigo dunha nova visión acorde ás necesidades actuais, unha perspectiva que afonde na habitabilidade. Avogamos por unha cidade respectuosa coa contorna, consciente do intanxible pero inestimable valor do noso medio no ámbito local e global, que incrementa a calidade de vida de todos e cada un d@s vigueses e viguesas. En suma, un Vigo sostible.

É o meu compromiso como alcalde desta cidade, o compromiso deste goberno. Un Vigo que pense e coide o seu contorno como o único modo de acadar maior e mellor calidade de vida para quen nela habitamos e para quen nos visitan.

 

Abel Caballero

Alcalde de Vigo

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100