Servizos cidade

Medio Ambiente

Oficina de Medio Ambiente
  • Enderezo: Praza do Rei, s/n, 2º andar. 36201 Vigo - Pontevedra
  • Teléfono: 986 810 210 / 986 810 204
  • Email: ofi.mambiente@vigo.org
  • Horario: De 9 a 13:30 horas

A área de Medio Ambiente do Concello de Vigo nace no ano 2000 no que se constitúe o Consello Sectorial de Medio Ambiente, por mor da necesidade crecente de preservación e protección do medio ambiente no ámbito municipal.

Desta idea creáronse nos últimos anos diversos programas dirixidos a paliar a contaminación, a mellora da xestión dos recursos naturais, a catalogación de especies, a divulgación da riqueza natural, a educación e concienciación medioambiental, o establecemento de itinerarios, a conservación de espazos de interese, etc.

Cabe destacar que o Concello de Vigo foi un dos pioneiros elaborando un mapa de ruídos da cidade, a primeira cidade de Galicia en prohibir os circos con animais e é un referente nos procesos de recuperación ambiental dos sistemas dunares degradados logrando o distintivo Espazo Natural de Interese Local para os areais de O Vao e Baluarte.

As funcións principais da área de Medio Ambiente son:

  • O mantemento da hixiene e salubridade das praias e lugares públicos de baño, así como, vixiar a observancia das normas sobre salvamento e seguridade das vidas humanas, e a xestión dos servizos de tempada que poidan establecerse nas praias.
  • Velar polo control da contaminación atmosférica, sonora e por vibracións no ámbito das competencias locais.
  • A defensa e protección dos animais e recursos naturais existentes no termo municipal, a recollida dos animais abandonados, e calquera outra atribución relativa ás especies naturais e flora e fauna silvestre no marco das competencias municipais.
  • O desenvolvemento do programa de educación medioambiental “Camiño a Camiño” con paseos interpretativos dos espazos medioambientais da cidade e outros de interese, o desenvolvemento das hortas-escola e o voluntariado medioambiental nos espazos de especial interese ecolóxico, na conservación de sendeiros locais, etc.
  • Velar de forma preventiva pola regularización das actividades industriais, mercantís, comerciais e análogas, acadar unha descontaminación gradual e evitar os vertidos incontrolados á rede de sumidoiros, ás augas e ás costas, no ámbito das competencias municipais.
  • Exercitar as medidas precisas para evitar o abandono incontrolado de residuos no termo municipal, a concienciación á cidadanía das consecuencias nocivas para o medio ambiente e para a convivencia social do depósito irregular e inaxeitado dos residuos.
 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100