Cultura
A biblioteca caracterízase por estar especializada en temática galega. A contía dos títulos é de: 45.000 de libros impresos; 160 de libros manuscritos e 3200 de publicacións periódicas.
Dende 1500 ata os nosos días, están representadas todas as ramas do saber e do proceso cultural galego. Existen exemplares de libros raros resultado do labor das primeiras imprentas galegas.
Son moitas as obras sobre historia, do licenciado Molina, Gándara, Murguía, Otero Pedrayo, Risco. Ou de persoeiros da Ilustración como Labrada, Cornide, Feijóo, Sarmiento.
É exhaustiva a presenza de estudos filolóxicos e dos distintos xéneros literarios galegos, con moitas primeiras edicións que abarcan dende os séculos escuros ata o noso tempo, pasando polos precursores, o rexurdimento, a Xeración Nós e as vangardas. Tamén están todas as etapas do pensamento político galego.
Nos libros manuscritos salientan, a colección dunhas 30 executorias de fidalguía, con encadernacións e ilustracións de belo feitío e os autógrafos de Martín Sarmiento.
Destacn dentro das publicacións periódicas a prensa galega dos séculos XIX e XX. Os fondos especiais están formados por materiais cartográficos, gravados, carteis, etc.
Francisco Fernández del Riego, que foi director da Biblioteca Penzol perto de meio século, doou as súas coleccións de libros, documentos e obras de arte ao Pobo de Vigo en 1995. Dende entón a Casa Galega da Cultura, sede da Fundación, alberga estes fondos na Biblioteca Colección de Arte Francisco Fernández del Riego.
Ambas as bibliotecas, tanto no tocante ás características dos seus fondos como ás dos seus usuarios, resultan complementarias e depositarias de fontes de investigación de primeira orde para a temática relacionada con Galicia.
Concello de Vigo
Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100