Servizos cidadanía

Valedor do cidadán

O Valedor do cidadán é o comisionado do Pleno do Concello de Vigo para a defensa dos dereitos e intereses da veciñanza de Vigo, que poderá supervisar a actuación da Administración municipal e o resto dos organismos e entidades dependentes dela, no ámbito das competencias que se lle atribúen no regulamento.

Toda persoa natural ou xurídica, sen distinción de clase que teña interese lexítimo poderá dirixirse ao Valedor do cidadán. Os concelleiros e concelleiras de Vigo e mailos grupos municipais constituídos poderán pedir mediante escrito motivado, a intervención do Valedor do cidadán para a investigación ou esclarecemento de actos, resolucións e condutas concretas efectuadas na Administración municipal de Vigo, que lle afecten a un cidadán ou grupo de cidadáns


Competencias

As competencias do Valedor do cidadán esténdense á Administración municipal, aos seus organismos autónomos, empresas e demais entes públicos que dela dependan ou que nela participen, aínda que esta sexa minoritaria; aos servizos xestionados mediante concesión administrativa e, en xeral, calquera organismo ou entidade pública ou privada, que realice funcións de servizo público e se atope suxeita a calquera tipo de tutela naquilo no que afecte ás materias integradas na competencia da Administración municipal de Vigo.

Das queixas ou denuncias que reciba con referencia ás administracións públicas alleas á Administración municipal, o Valedor do cidadán informará, orientará e tramitará a petición da persoa interesada a correspondente queixa diante do "Defensor del Pueblo" ou do "Valedor do Pobo" no seu caso.

Quedan excluídos da competencia do Valedor do cidadán a Administración periférica do Estado e da Xunta de Galicia no municipio de Vigo e os organismos autónomos, empresas públicas ou que participen ou concesionarias de servizos públicos da Administración do Estado e da Xunta de Galicia; a Administración de Xustiza; todas as cuestións de persoal ou que estean sometidas a procedementos xurisdicionais e as funcións de control político da actividade municipal.

Tramitación de queixas

As queixas ou denuncias que se dirixan ao Valedor do cidadán formularanse pola propia persoa interesada, nun escrito e no prazo máximo dun ano, que contará a partir do momento no que se coñezan os feitos que a motivan. As actuacións que acheguen queixas perante o Valedor do cidadán serán gratuítas para a persoa interesada sen que sexa necesaria a asistencia do letrado ou procurador.

Admitida a queixa, o Valedor do cidadán promoverá a oportuna investigación sumaria e informal, para o esclarecemento dos seus presupostos e informará a persoa interesada dos seus resultados.

O Valedor do cidadán dará conta anualmente ao Pleno do Concello de Vigo da xestión realizada e os informes estarán a disposición da veciñanza.

------------------
Contacte co Valedor do cidadán
Casa das Artes, 4º andar
Rúa Policarpo Sanz, 15
36202 Vigo

Teléfono: 986 430 047

Fax: 986 227 774

Horario: Luns a venres de 9 a 14 horas. Os mércores ademáis de 18 a 20 horas.

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100