Servizos Sociais
A Concellería de Política Social conta con diferentes programas destinados a atender as demandas e necesidades das persoas maiores co fin de contribuír a mellorar a súa calidade de vida.
Máis información relacionada con Maiores.
O Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social (CIIES) do Concello de Vigo configurase como un centro de atención integral para persoas sen fogar, en situación de exclusión social e/ou emerxencia social que persigue realizar unha intervención social de calidade que permita ás persoas mellorar a súa calidade de vida, procurar contextos que faciliten a inserción socio-laboral e atender situacións puntuais de emerxencia social.
- Servizos e recursos que ofrece
Obxectivos:
- Atender as necesidades básicas (aloxamento, alimentación, asistencia e atención especializada) das persoas afectadas por situacións valoradas de exclusión social ou en risco de exclusión.
- Proporcionar atención puntual en situacións de emerxencia sobrevida.
- Ofrecer solucións de carácter integral que permitan ás persoas usuarias desenvolver verdadeiros procesos de inclusión de carácter permanente a fin de acadar maiores niveis de integración e normalización social en cada caso ou un maior control do deterioro noutros casos.
- Abordar desde a perspectiva da integración ou inclusión social a situación das persoas que non poden conservar ou acceder a un aloxamento axeitado e permanente que proporcione un marco estable de convivencia, xa sexa por razóns económicas ou outras barreiras sociais, ou ben porque presentan dificultades persoais para levar unha vida autónoma.
"O Programa de coidadores de barrio do Servizo de Benestar Social" é un servizo que, con carácter voluntario, presta o Concello de Vigo coa finalidade de mellorar a calidade de vida das persoas en situación de vulnerabilidade por distintas razóns (enfermidade, mobilidade, saúde mental, etc.); en especial das persoas maiores con dificultades para realizar de forma autónoma as súas actividades na rúa, facilitándolles a integración no seu contorno, evitando o risco de exclusión social e as indesexadas situacións de reclusión na propia vivenda.
O financiamento deste Programa realizarase con cargo ós orzamentos do Concello de Vigo, sendo totalmente gratuito para as persoas usuarias do mesmo.
O horario de prestación dos servizos dos coidadores de barrio será, durante todo o ano, de luns a venres e en horario de mañá e tarde, de 9:30 a 14:30 horas e de 15 a 20 horas.
Co obxectivo de potenciar as capacidades e habilidades das persoas maiores para un bo avellentamento e unha prevención da dependencia, a Concellería de Política Social organiza diversas actividades lúdico-formativas ao longo do ano.
Están dirixidas a grupos de 20 a 25 persoas e son impartidas nas oficinas municipais de distrito, asociacións veciñais ou de persoas maiores que o soliciten e aos que se lles conceda.
Consisten en sesións de unha hora ou ben unha hora e media de duración, un día á semana de mañá ou de tarde, durante todo o ano agás do 15 de xuño ao 15 de setembro.
Procedemento que depende da Xunta de Galicia e necesario para acceder a determinados procedementos dos Servizos Sociais do Concello de Vigo.
Pode consultar toda a información na páxina sobre a Dependencia dentro da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.
Vigo inclusivo, é un programa de ocio e tempo libre que se está a levar a cabo dende a Concellería de Política Social do Concello de Vigo, e que está dirixido a persoas con diversidade funcional, a partires dos tres anos de idade.
A finalidade deste programa, ademais de favorecer a educación non formal e o desenvolvemento integral de persoas con diversidade funcional é a de permitir a conciliación familiar nos períodos non lectivos (Semana Santa, verán e Nadal).
Este programa incluirá a realización de actividades inclusivas de carácter lúdico e dinámico, excursións e actividades culturais, ademais de obradoiros e actividades específicas.
Proxecto destinado a favorecer o coñecemento do patrimonio histórico, cultural e paisaxístico da Eurorexión Galicia – Norte de Portugal a través de excursións de un día organizadas polas asociacións veciñais ou de persoas maiores que o soliciten.
Consiste na posta a disposición dun servizo de autobús de cincuenta e cinco prazas para visitar poboacións de interese na Eurorexión ou asistir a xornadas de convivencia e relación social.
O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) é unha prestación básica dos Servizos Sociais Comunitarios que presta un conxunto de atencións a persoas ou unidades de convivencia no propio domicilio para facilitar o seu desenvolvemento e a permanencia no seu medio habitual.
A prestación deste servizo ten carácter de reforzo e non substitúe ás propias capacidades da persoa usuaria e doutras persoas do seu contorno inmediato nin exime en ningún caso á familia das súas responsabilidades.
Obxectivos:
a) Mellorar a calidade de vida das persoas usuarias.
b) Posibilitar a permanencia das persoas no seu contorno de convivencia habitual.
c) Favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio.
d) Manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social.
e) Previr situacións de dependencia ou exclusión social.
f) Retardar ou evitar a institucionalización.
g) Reforzar a solidariedade e potenciar o voluntariado social.
Prestacións que se ofrecen desde o servizo de axuda no fogar:
a) Atencións de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria (coidados persoais, alimentación, etc.).
b) Atención das necesidades de carácter doméstico e da vivenda.
c) Acompañamentos fóra do domicilio (citas e xestións).
O programa Xantar na Casa é un servizo de comida a domicilio que pretende facilitar e garantir unha alimentación equilibrada e de calidade adaptada ás necesidades das persoas para cubrir as súas necesidades básicas relacionadas coa compra ou elaboración de menús.
O seu obxectivo principal é mellorar o nivel de benestar e calidade de vida de persoas maiores e/ou dependentes e tamén das súas familias, manténdoas no seu contorno comunitario e atrasando ou evitando a institucionalización.
O programa pode, en ocasións, complementar ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que presta o Concello, para manter ao máximo a capacidade de independencia e autonomía das persoas coa permanencia nos seus propios fogares.
O servizo de teleasistencia domiciliaria é unha prestación social de natureza tecnolóxica que, a través dunha liña telefónica e cun equipo de comunicacións e informático específico, permite ás persoas usuarias poñerse en contacto cun centro de atención de chamadas que conta con persoal especializado para dar resposta ás súas necesidades de forma ininterrompida as 24 horas do día e os 365 días do ano.
O servizo municipal xustifícase na necesidade de facilitar unha atención domiciliaria a determinados colectivos especialmente vulnerables como o das persoas maiores, con discapacidades, dificultades de autonomía persoal, carencia de relacións persoais e familiares ou afectados por enfermidades crónicas e outras patoloxías asociadas, sempre que non estean incluídas no sistema de atención á dependencia.
Trátase dun servizo social de carácter normalizador co que se procura a permanencia das persoas usuarias no seu medio habitual evitando internamentos innecesarios en centros e coa tranquilidade de que en calquera situación de risco ou emerxencia serán atendidas con dilixencia.
Concello de Vigo
Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100