Parroquias

Comesaña

O río Lagares atravesa esta parroquia que se estende na aba sureste do Val do Fragoso. Comesaña (santo André) ten, segundo o último censo, 2.510 habitantes e acolle unha das principais zonas industriais de Vigo, a aproveitar as dúas marxes do río. As primeiras mencións a Comesaña remóntanse ao século XII, baixo a denominación de Comesana, Comesanae ou Comesanía. No XVIII e no XIX a parroquia contou con organización administrativa propia.

O topónimo Comesaña é de orixe prelatina, e contén a raíz cam-/com- que fai referencia ao relevo.

Verbo do patrimonio etnográfico, sobresaen as construcións relacionadas coa auga; fontes, lavadoiros e muíños. Outro conxunto de interese é o constituído pola igrexa parroquial, a casa reitoral e o palco do campo da festa. Ademais, catalogáronse tres cruceiros: o Cristo do Pazo, o do templo parroquial e o Cristo do Outeiro; un dos máis antigos dos existentes en Galicia.

A vida e actividades sociais de Comesaña organízanse en torno da asociación Nautilus, creada no 1991 e que presta unha especial atención aos temas urbanísticos e ambientais. O labor reivindicativo da asociación foi decisorio no selado do antigo vertedoiro do Zondal.

Máis información en:
- Comesaña Sporting Club

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100