Información

Prehistoria

Vigo e a súa comarca estiveron poboadas dende a antigüidade. Así o testemuñan a cantidade de dolmens e mámoas que se atopan no termo municipal.

Non se localizou ningún depósito paleolítico e os únicos achados datados na Idade de Pedra son medio centenar de útiles tallados en cuarzo e cuarcita conservados no Museo Quiñones de León.

No período do Neolítico atopáronse diversos machados de man, algúns de carácter votivo. Nesta etapa destacan as construcións funerarias, denominadas túmulos, datadas entre os anos 3000 e 1800 a.C., das que cómpre salientar a denominada Casa dos Mouros, na subida ao parque da Madroa. Petroglifos relevantes son os de Fragoselo e o de Millaradas.

Na transición do III o II milenio a.C., hai un numeroso conxunto de gravados rupestres con representacións de motivos xeométricos, armas e fauna.

Varios achados de cerámica, armas de bronce e máis gravados rupestres indícannos a existencia de habitantes e poboacións na chamada Idade de Bronce, entre os anos 1900 e 800 a.C.

A cultura castrexa, que abarca toda a Idade de Ferro, desenvolveuse en Galicia dende o século VIII a.C. até o fin do I d.C. deixando en Vigo numerosos vestixios, como mostra a presenza de 26 poboados de castros. Este dato indícanos que nesta época Vigo tivo unha das maiores densidades de poboación de toda Galicia. O maior destes poboados é o situado na ladeira do monte do Castro. Os seus habitantes vivían da agricultura, actividade que complementaban coa caza e a pesca. Traballaban, así mesmo, o ferro e a pedra.

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100