Organización Municipal
A Valedora da cidadanía é o comisionado do Pleno do Concello de Vigo para a defensa dos dereitos e intereses da veciñanza de Vigo, que poderá supervisar a actuación da Administración municipal e o resto dos organismos e entidades dependentes dela, no ámbito das competencias que se lle atribúen no regulamento.
Toda persoa natural ou xurídica, sen distinción de clase que teña interese lexítimo poderá dirixirse a Valedora da cidadanía. Os concelleiros e concelleiras de Vigo e mailos grupos municipais constituídos poderán pedir mediante escrito motivado, a intervención da Valedora da cidadanía para a investigación ou esclarecemento de actos, resolucións e condutas concretas efectuadas na Administración municipal de Vigo, que lle afecten a un cidadán ou grupo de cidadáns
Valedora da cidadanía
Lola Galovart Carrera
Curriculum vitae
Adxunta
Gloria del Rio Hernández
Curriculum vitae
Secretaria
Conchy Fragueiro Fernández
Competencias
As competencias da Valedora da cidadanía esténdense á Administración municipal, aos seus organismos autónomos, empresas e demais entes públicos que dela dependan ou que nela participen, aínda que esta sexa minoritaria; aos servizos xestionados mediante concesión administrativa e, en xeral, calquera organismo ou entidade pública ou privada, que realice funcións de servizo público e se atope suxeita a calquera tipo de tutela naquilo no que afecte ás materias integradas na competencia da Administración municipal de Vigo.
Das queixas ou denuncias que reciba con referencia ás administracións públicas alleas á Administración municipal, a Valedora da cidadanía informará, orientará e tramitará a petición da persoa interesada a correspondente queixa diante da "Defensora del Pueblo" ou da "Valedora do Pobo" no seu caso.
Quedan excluídos da competencia da Valedora da cidadanía a Administración periférica do Estado e da Xunta de Galicia no municipio de Vigo e os organismos autónomos, empresas públicas ou que participen ou concesionarias de servizos públicos da Administración do Estado e da Xunta de Galicia; a Administración de Xustiza; todas as cuestións de persoal ou que estean sometidas a procedementos xurisdicionais e as funcións de control político da actividade municipal.
Tramitación de queixas
As queixas ou denuncias que se dirixan a Valedora da cidadanía formularanse pola propia persoa interesada, nun escrito e no prazo máximo dun ano, que contará a partir do momento no que se coñezan os feitos que a motivan. As actuacións que acheguen queixas perante a Valedora da cidadanía serán gratuítas para a persoa interesada sen que sexa necesaria a asistencia do letrado ou procurador.
Admitida a queixa, a Valedora da cidadanía promoverá a oportuna investigación sumaria e informal, para o esclarecemento dos seus presupostos e informará a persoa interesada dos seus resultados.
A Valedora da cidadanía dará conta anualmente ao Pleno do Concello de Vigo da xestión realizada e os informes estarán a disposición da veciñanza.
Concello de Vigo
Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100