Xerencia Municipal de Urbanismo

Comunicacións previas

A comunicación previa é o documento polo cal as persoas interesadas poñen en coñecemento da administración pública competente os seus datos de identificación e demais requisitos exixibles para o exercicio dun dereito ou inicio dunha actividade, consonte co establecido no artigo 69.2 da Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común das Administracións públicas.

Non é unha autorización administrativa para exercer unha actividade senón un medio para que a administración coñeza a existencia da dita actividade e posibilitar o control posterior, distinto da facultade de inspección ordinaria, mediante as oportunas actuacións administrativas. O control municipal prodúcese con posterioridade ao inicio da actividade. A existencia de inexactitudes, falsidades ou deficiencias no local determinará a imposibilidade de continuar co exercicio da actividade.

Comunicación previa de inicio de Actividade

As actividades, con carácter xeral, están suxeitas ao procedemento de comunicación previa. A ou o interesado comunicaralle ao concello a data de inicio da actividade que vai desenvolver nun local e achegará, ademais do impreso normalizado, a documentación técnica. A ou o interesado, baixo a súa responsabilidade, poderá iniciar a actividade desde a data indicada na solicitude. Nos impresos normalizados de comunicación previa de actividade inclúese unha declaración responsable que deberá asinar a persoa interesada.

Non é unha autorización administrativa para exercer unha actividade senón un medio para que a administración coñeza a existencia da dita actividade e posibilitar o control posterior, distinto da facultade de inspección ordinaria, mediante as oportunas actuacións administrativas. O control municipal prodúcese con posterioridade ao inicio da actividade. A existencia de inexactitudes, falsidades ou deficiencias no local determinará a imposibilidade de continuar co exercicio  da actividade.

Con carácter xeral están suxeitas ao tramite de comunicación previa a instalación, implantación ou exercicio de calquera actividade económica, empresarial, profesional, industrial ou comercial, agás:

  • A apertura de establecementos e a celebración de espectáculos públicos ou actividades recreativas que se desenvolvan en establecementos públicos cunha capacidade superior a 500 persoas, ou que presenten unha especial situación de risco, de conformidade co disposto na normativa técnica en vigor.
  • A instalación de terrazas ao aire libre ou na vía pública, anexas ao establecemento.
  • A celebración de espectáculos e actividades extraordinarias e, en todo caso, os que requiran a instalación de escenarios e estruturas móbiles.
  • A celebración dos espectáculos públicos e actividades recreativas ou deportivas que se desenvolvan en máis dun termo municipal.
  • A celebración dos espectáculos e festexos taurinos.
  • A apertura de establecementos e a celebración de espectáculos públicos ou actividades recreativas cuxa normativa específica esixa a concesión de autorización.

Inclúense os cambios de uso entre actividades suxeitas a comunicación previa.

Xunto ca comunicación previa  a persoa titular deberá presentar informe do illamento acústico conseguido no local, de acordo co disposto no artigo 11 do Decreto 106/2015, do 9 de xullo, sobre contaminación acústica de Galicia.
No caso de actividades nocturnas e as diúrnas dos grupos 1 e 2 da táboa 4 do Manual de Procedemento adxunto á Ordenanza municipal de protección do medio contra a contaminación acústica producida pola emisión de ruídos e vibracións,  o informe do illamento acústico conseguido no local, deberá completarse co disposto ao respecto no artigo 15 da dita Ordenanza.


Así mesmo disporán de certificado de medición do nivel de ruídos transmitidos polo funcionamento das instalacións de ventilación/climatización, frigoríficas ou calquera, cuxa potencia sexa igual ou superior a 5 C.V. por instalación, que non superarán os niveis máximos permitidos no exterior e nas vivendas ou actividades lindeiras co local.

Non será obrigatorio achegar o informe de illamento no caso que a persoa titular da actividade faga constar expresamente que actividade producirán un nivel sonoro igual ou inferior, en calquera horario, a 75 dB, excepto nas actividades nocturnas e as diúrnas dos grupos 1 e 2 da táboa 4 do Manual de Procedemento adxunto á Ordenanza municipal de protección do medio contra a contaminación acústica producida pola emisión de ruídos e vibracións que, en calquera caso, deberán achegar o certificado establecido  no artigo 15 da dita ordenanza.


Durante o exercicio da actividade comunicada deberá contar no local, a disposición dos servizos de inspección municipais, dunha copia da comunicación presentada.

Obras de adaptación para actividades comunicadas

No caso de necesitar obras de adaptación no local (agás nas edificacións catalogadas) presentará comunicación previa de obras acompañada cunha copia do proxecto de obras e indicarase a data de inicio das obras. A comunicación deberá realizarse cunha antelación mínima de 15 días hábiles ao inicio da obra.

En locais situados en edificios catalogados no caso de necesitar obras de adaptación no local deberá solicitar licenza previa de obras de adaptación.


En ambos casos, unha vez rematada a obra comunicarase o inicio da actividade achegando o correspondente Certificado final de obra e os informe de illamento acústico preceptivo (ou declaración expresa do nivel sonoro se é o caso).

Máis información sobre a sua tramitación:

Volver ao inicio

Comunicación previa de cambios de titularidade de licenzas de actividade

  • Os cambios de titularidade das actividades e instalacións comunicaránselle ao concello no impreso normalizado.
  • Non se consideran en vigor as actividades correspondentes aos locais nos que cesase a actividade por un período superior aos seis meses, nin as licenzas que teñan declaración expresa de caducidade. Neste caso deberá presentar nova comunicación previa de actividade.
  • O novo titular, durante o exercicio da actividade comunicada, deberá contar no local, a disposición dos servizos de inspección municipais, unha copia da comunicación de cambio de titularidade achegada.
  • No caso de actividades nas que o antigo titular substituíse o informe do illamento acústico conseguido no local, de acordo co disposto no artigo 11 do Decreto 106/2015, do 9 de xullo, sobre contaminación acústica de Galicia, pola declaración  expresa de que a actividade producira un nivel sonoro igual o inferior, en calquera horario, a 75dB, o novo titular debera achegar a mesma declaración ou  dito informe de illamento acústico conseguido.
  • Será, en todo caso, necesaria unha nova comunicación previa nos casos de modificación da clase de actividade, cambio de localización, reforma substancial dos locais, instalacións ou calquera cambio que implique unha variación que afecte a seguridade, salubridade ou perigosidade do establecemento.

Máis información sobre a súa tramitación.

Comunicación previa de cambio de titularidade de licenzas de obra

  • Os cambios de titularidade de licenzas de obra en vigor comunicaráselle ao concello, con indicación da referencia á licenza que se quere transmitir. Non se consideran en vigor as licenzas de obras que teñan declaración expresa de caducidade.

Máis información sobre a súa tramitación.

Volver ao inicio

Comunicación previa para obras menores ( Non válida para Edificios Catalogados)

Son obras menores as caracterizadas pola súa escasa entidade económica e pola súa sinxeleza técnica que lles exime da necesidade de documentación técnica, dirixidas á simple reparación, decoración, ou mantemento e limpeza. Inclúense neste concepto as obras enumeradas na seguinte relación:

  1. Mantemento de partes non edificables de parcelas e solares:
    • Limpeza e roza interior de parcelas e solares, sen movementos de terras nin tala de arboredo
    • Reparación de peches de parcelas sen afeccións estruturais.
  2. Mantemento de fachadas dos edificios:
    • Reparación e substitucións de elementos auxiliares da cuberta ( canlóns, baixantes e varandas)
    • Limpeza e pintado de fachadas.
    • Cambio de carpintería exterior, persianas, varandas ou similares.
  3. Mantemento de cubertas dos edificios:
    • Substitución puntual de material de cubertas ou terrazas.
  4. Mantemento e actualizacións das instalacións dos edificios:
    • Substitucións de instalacións privativas de vivenda ou local ( auga, gas, electricidade, desaugadoiros ou similar)
    • Novas instalacións non encastadas en elementos estruturais ( vigas, piares, paredes mestras, etc.)
    • Mantemento de instalacións comúns do edificio ( ascensor, caldeiras, etc.)
  5. Mantemento dos acabados interiores dos edificios:
    • En paredes, solos e falsos teitos.
    • Reformas en cociñas ou baños que non modifiquen as divisións interiores.

A comunicación previa deberá realizarse cunha antelación mínima de 15 días hábiles.

O resto das obras menores nas que é necesario achegar documentación técnica tramitaranse tamén polo procedemento de comunicación previa descrito no apartado seguinte.

En edificios catalogados todas as obras están suxeitas a licenza de obra previa.

Máis información sobre a súa tramitación.

Volver ao inicio

Comunicación previa de obras maiores. ( Non válido para Edificios Catalogados )

Obras que requiren a presentación dun proxecto técnico redactado por técnico/a competente, pero que de conformidade co artigo 142.2. da Lei 2/2016 do solo de Galicia non están suxeitas a licenza previa.

A comunicación previa deberá realizarse cunha antelación mínima de 15 días hábiles.

En edificios catalogados todas as obras están suxeitas a licenza de obra previa.

Inclúense as obras que se enumeran na seguinte relación:

  1. Obras puntuais de reestruturación ou consolidado e reforma de edificacións existentes:  Obras de restruturación puntual: son aquelas obras, nunha edificación existente, nas que se realicen pequenas modificacións estruturais para posibilitar:
    • Cambios na distribución mediante a apertura puntual de ocos de paso en muros.
    • A adecuación á normativa contra incendios ou á de accesibilidade e supresión de barreiras mediante a construción de pasos, ramplas, escaleiras e vías de evacuación.
    • O cumprimento da normativa contra incendios mediante a construción de pasos e vías de evacuación.
    • A instalación de ascensores e construción de escaleiras privadas de comunicación entre pisos que non afecten ao conxunto do sistema estrutural
    Obras de consolidación: son aquelas que teñen por obxecto o afianzamento, reforzo ou substitución  puntual de elementos danados para asegurar a estabilidade do edificio, con posibles alteracións menores da súa estrutura e distribución, sempre que non estean incluídas nas obras de reestruturación parcial ou total.
    Obras de reforma de vivendas existentes: son obras de redistribución do espazo interior dunha vivenda, sen intervir sobre as características morfolóxicas do edificio, as instalacións xerais ou estrutura portante, nin alterar a envolvente do edificio. As obras de reforma de outros uso tramítense co impreso normalizado CP-002
    As obras de reestruturación ou consolidación que excedan o alcance da reestruturación puntual ou consolidación puntual e produzan unha variación esencial da composición xeral exterior, a volumetría, ou o conxunto do sistema estrutural, ou teñan por obxecto cambiar os usos característicos do edificio estarán suxeitas a licenza previa.
  2. Restauración de fachadas, medianeiras, patios, ou terrazas e substitución de material de cubrición en cubertas sen afectación estrutural: Son obras que afectan, de forma puntual ou limitada, ás fachadas ou medianeiras ou material de cubrición das cubertas dos edificios, modificando a súa configuración exterior sen afectar á volumetría e mantendo a estrutura portante existente. Abrangue a modificación ou tratamentos dos materiais, a substitución dos elementos de peche ou os seus materiais. Non se inclúe as obras de limpeza ou pintado que están suxeitas a comunicación previa de obra menor.

Máis información sobre a súa tramitación.

A comunicación previa deberá realizarse cunha antelación mínima de 15 días hábiles.

En edificios catalogados todas as obras están suxeitas a licenza de obra previa.

Comunicación previa de Instalación de elementos publicitarios en locais comerciais (Rótulos)

Carteis ou rótulos que sirvan para indicar a denominación social de persoas físicas ou xurídicas ou o exercicio de actividade mercantil, industrial, profesional ou de servizos a que os locais se dediquen e non teñan finalidade estritamente publicitaria. Non se inclúen outros soportes publicitarios. A instalación de rótulos en edificacións catalogadas están suxeitas a licenza previa.

Máis información sobre a súa tramitación.

Comunicación previa de construción de peches e valados de parcelas e soares

Peches de parcelas, excepto muros de contención de terras provisionais e definitivos. Os muros de contención están suxeitos a licenza previa.

Máis información sobre a súa tramitación.

Comunicación previa de instalación de soportes publicitarios

Instalacións publicitarias perceptibles desde a vía pública reguladas na Ordenanza urbanística reguladora da publicidade exterior no termo municipal de Vigo.

 Máis información sobre a súa tramitación.

Volver ao inicio

Comunicación previa de inicio de obra nova autorizada (presentación proxecto de execución)

O inicio das obras de nova edificación, ampliación ou reestruturación xeral autorizadas mediante a correspondente licenza urbanística exixe a presentación no rexistro da Xerencia Municipal de Urbanismo da comunicación previa de inicio das obras achegando ademais o correspondente Proxecto de execución, no caso de que non se tivese presentado previamente, e a documentación complementaria que proceda.

No caso de proxectos de execución que modifiquen o proxecto básico autorizado, o interesado deberá solicitar previamente a oportuna licenza, coa documentación exixida e non poderá iniciar a obra en tanto non obteña nova licenza. Considérase que se altera significativamente o proxecto cando se produzan cambios de uso, cando se vexan afectadas as condicións de volume e forma dos edificios, a posición e ocupación do edificio na parcela, a edificabilidade, alturas , recuados e separación a lindeiros, número de vivendas, condicións de seguridade e outras similares.

Máis información sobre a súa tramitación.

Volver ao inicio

Comunicación previa de instalación de guindastres

Instalación de grúas-torre para a execución de obras con licenza ou comunicación previa e co proxecto de execución presentado.

A persoa interesada poderá poñer en servizo a instalación, unha vez finalizadas as obras, o cal acreditará co correspondente certificado emitido pola ou polo facultativo director da instalación, no que se acredite, ademais da data da súa terminación, que esta se realizou de acordo co proxecto aprobado ou as súas modificacións posteriores autorizadas e que está en condicións de ser utilizada. Acreditarase o perfecto estado da instalación, seguridade e funcionamento do guindastre nos termos do modelo establecido para guindastre torre desmontables para obras ou outras aplicacións do anexo V da ICT MIE-AEM-3 aprobada por RD 836/2003, de 27 de xuño, ou norma que o substitúa. O dito certificado, xunto cunha copia da solicitude, estará na obra a disposición dos servizos de inspección municipal. Nos impresos normalizados inclúese unha declaración responsable que deberá asinar o interesado.

Máis información sobre a súa tramitación.

Volver ao inicio

Comunicación previa de estacións ou instalacións radioeléctricas

Comprenden as estacións ou instalacións radioeléctricas utilizadas para a prestación de servizos de comunicacións electrónicas dispoñibles para o público, agás daquelas que teñan impacto no patrimonio histórico-artístico ou no uso privativo e ocupación dos bens de dominio público ou, tratándose de instalacións de nova construción, teñan impacto en espazos naturais protexidos.

Coa comunicación achegarase copia do proxecto da instalación e indicarase a data de inicio das obras e o prazo de execución.  A persoa interesada poderá poñer en servizo a instalación, unha vez finalizadas as obras, o cal acreditará co correspondente certificado final de obra, sempre e cando obteña a autorización de posta en servizo da Xefatura Provincial de Inspección de Telecomunicacións, documentos que terá a disposición dos servizos de inspección municipal.

O proxecto técnico da instalación deberá xustificar graficamente que se axusta ás condicións da instalación fixadas na ordenanza municipal reguladora das condicións urbanísticas de localización, instalación e funcionamento dos elementos e equipos de telecomunicacións no termo municipal de Vigo. No caso de torres o proxecto incluirá un plano de deslinde coa indicación das construcións existentes nun radio de 100/50 ml.

No ámbito da ordenanza 1 "Cascos históricos" e da ordenanza 2 "Conservación e protección ambiental" do vixente plan xeral e en edificios catalogados e no seus ámbitos de protección deberá solicitar licenza previa para a instalación.

Máis información sobre a súa tramitación.

Volver ao inicio

No caso de actividades nas que o antigo titular substituíse o informe do illamento acústico conseguido no local, de acordo co disposto no artigo 11 do Decreto 106/2015, do 9 de xullo, sobre contaminación acústica de Galicia pola declaración expresa do novo titular de que a actividade producira un nivel sonoro igual o inferior, en calquera horario, a 75dB, o novo titular debera achegar a mesma declaración ou dito informe de illamento acústico conseguido.

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100