Información

Vigo no século XX e XXI

A comezos do século XX..

A burguesía liberal viguesa aprópiase dos mecanismos do poder económico e político. O asentamento de empresarios cataláns no século XIX, no barrio do Areal, propiciou o desenvolvemento da industria da salgadura de peixe e o rexurdimento dunha etapa de gran crecemento da industria pesqueira.

No primeiro terzo do século XX..

O porto de Vigo asóciase á imaxe de emigración de miles de galegos que se embarcaron rumbo ao continente americano, pero tamén ao desenvolvemento económico. Comezan a crearse importantes empresas na cidade como os estaleiros de Barreiras (a finais do século XIX) e Vulcano; así como Pescanova e unha multitude de empresas relacionadas co mar, sendo o sector industrial por antonomasia, ao que hai que imputar a creación e expansión da maior parte das demais industrias.

Outro símbolo da cidade foi o tranvía, que empezou a funcionar en 1914. A cidade neste tempo ten unha enorme actividade social, abundan os xornais e semanarios, as asociacións e as organizacións de carácter político ou sindical, pero todo este dinamismo quedou neutralizado co estalido da Guerra Civil. Segundo avanza o século, Vigo absorbe o municipio de Bouzas en 1904 e o de Lavadores en 1941, agrandando o seu termo administrativo e aumentando a súa poboación.

A mediados de século..

Trázase a Gran Vía e a cidade experimenta un gran crecemento demográfico coa incipiente creación de barrios residenciais como o de Coia. Instálanse novas industrias, como Citroën Hispania, ao tempo que melloran as comunicacións e xorden novos planos de ensanche da cidade. Vigo sofre un elevado crecemento demográfico, pasando dos 30.000 habitantes que había en 1910 aos case 300.000 de hoxe en día.

Economía

A notable expansión do Porto de Vigo ata os nosos días convertérono no principal Porto Pesqueiro de España e nun dos máis importantes do mundo.

O seu recoñecemento a nivel internacional foi propiciado pola celebración anual de varias exposicións mundiais de pesca celebradas na nosa cidade. A construción do Auditorio-Palacio de Congresos na cidade potenciará notablemente o turismo congresual e de negocios e contribuirá á potenciación do sector servizos e ao desenvolvemento de Vigo.

A industria automobilística, os estaleiros, as conserveiras, a construción, a moda, etc., son algunhas das principais actividades económicas que converten a Vigo no motor económico de Galicia.

A proximidade de Portugal favoreceu tamén o establecemento dunha estreita relación comercial, cultural e de comunicacións co norte de Portugal, que beneficiou enormemente ao desenvolvemento económico e industrial da cidade, converténdose por excelencia na gran cidade comercial e de servizos do sur de Galicia e do Norte de Portugal.

 

Concello de Vigo

Praza do Rei - 36202 - Vigo (Pontevedra) - Teléfono: 010 - 986810100